Skip to main content
Lugo

Decenas de persoas participaron no obradoiro de cuñación de moeda do Museo

Por 14 Maio, 2023Sin comentarios

Comezaron no Museo de Lugo o obradoiro de cuñación de moeda organizados pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar ao público o valor histórico e simbólico do sestercio da caetra, unha moeda declarada BIC, da que só se coñecen tres exemplares no mundo, e que foi cuñada no campamento romano que deu orixe ao Lugo actual a finais do século I a.C.

O colectivo Caetra Lucensium encárgase do desenvolvemento da actividade na que as persoas participantes cuñan unha réplica da moeda, co Octavio Augusto, a palma e o caduceo, no anverso, e o icónico escudo da caetra, no reverso. No taller reprodúcese o proceso completo, desde o fundido do “metal” ata a cuñación.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, que se achegou ata o obradoiro acompañada polo tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que “se trata dunha iniciativa divulgativa e lúdica coa que queremos facer chegar a todo o público o valor dunha peza numismática que pode verse estas semanas por primeira vez, na exposición “DE monetaria galega”, e que axiña pasará a formar parte definitivamente da colección numismática do Museo, reforzando a posición de Lugo como cidade de referencia para o estudo da romanización”

Tamén visitou o obradoiro o adestrador do CB Breogán Veljko Mrsic -acompañado polo director xeral Tito Díaz e o técnico Fernán Varela- , sumándose as decenas de persoas que cuñaron unha réplica do sestercio da caetra e recibiron como agasallo unha marcapáxinas no que se recollen as principais características da moeda.