Skip to main content
Lugo

A subdelegada entrega a 51 alumnos do CEIP Rosalía de Castro de Lugo os carnés de Ciberexpert@

Por 15 Maio, 2023Sin comentarios

En total, 320 lucenses de nove colexios da capital recibiron formación na que aprenderon a detectar os perigos da rede e a usala de forma segura.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou este luns en Lugo na entrega dos carnés de Ciberexpert@ aos 51 estudantes, de 6º curso de primaria, do CEIP Rosalía de Castro. Acompañada do formador da Policía, Rubén Darío Veiga; e da directora do centro, Loli Castro; incidiu na importancia de traballar entre todos por unha maior seguridade e tranquilidade dos menores en todas as contornas, achegando unha educación dixital con programas coma este do Ministerio do Interior.

Isabel Rodríguez felicitou ao alumnado e ao equipo docente por participar nesta actividade formativa impartida por Participación Cidadá da Policía Nacional e fixo fincapé na relevancia de educar aos nenos e nenas no bo uso das TICS e as redes sociais, formando e concienciando sobre a utilización segura de Internet. Así mesmo, a subdelegada subliñou a excelente colaboración entre a comunidade educativa e a Subdelegación do Goberno no desenvolvemento deste tipo de iniciativas, “cunha gran demanda durante todo o curso escolar”.

En total, 320 lucenses de nove colexios da capital da provincia recibiron carnés personalizados que os acreditan como expertos en seguridade nas redes. Para elo, os rapaces recibiron un curso no que aprenderon a detectar os perigos da rede e a usala de forma segura, ademais de realizar un test final de coñecementos. O programa permitiu abordar con expertos da Policía Nacional temas como o ciberacoso, adiccións dixitais, suplantación de identidade, acceso a contidos inapropiados, xestión da privacidade ou a mediación parental.

Este programa estatal, exclusivo da Policía Nacional, está enmarcado no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas. Ten como principais obxectivos sensibilizar e formar aos menores para minimizar os riscos das novas tecnoloxías, familiarizalos no uso de ferramentas que faciliten unha navegación máis segura, concienciar na xestión da privacidade e adquirir habilidades para unha comunicación segura en redes sociais.