Skip to main content
Lugo

Abre en Lugo unha nova edición da Feira do Libro

Por 17 Maio, 2023Sin comentarios

A Praza Maior acolle un ano máis a Feira do Libro, que estará presente ata o vindeiro domingo e na que 12 librarías ofrecerán as súas obras nas casetas habilitadas. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participaron no acto de inauguración da Feira, que contou coa académica da Real Academia Galega, María López Sández, como pregoeira da Feira.

Arroxo destacou que “hoxe máis que nunca é preciso defender e utilizar a lingua galega, un dereito que as galegas e galegos temos recoñecido na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e na Carta Europea das Linguas”.

A Feira do Libro contará con postos de venta da Libraría Pedreira, Muralla de Cómics, El Faro de los Tres Mundos, Librería Aguirre, Librería Trama, Libraría Tótem, Libraría Cortizas, Edicións Embora, Librería Biblos Librería Agrasar,  Editorial Canela e Lar Libros e Libraría Cartabón. Os postos estarán abertos en horario de mañá e tarde, de 11.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.00 horas.

O Goberno de Lugo, xunto coas corais lucenses organizarán unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego o día das Letras Galegas pola tarde, a partir das 18h, en diversos puntos da cidade (Quiroga Ballesteros, Praza da Mosqueira, San Marcos, Rúa da Raíña e Campo Castelo), que rematará ás 20:00 coa actuación de todas as corais na Praza Maior, que interpretarán Negra Sombra e o Himno Galego. Contará coa presenza da Coral Xolda Polifónica, Solo Voces, Schola Gregoriana Lucensis, Cantar Delas, Orfeón Xoán Montes, Conjunto Vocal Lugh, Coral Amigos do Camiño, Coral do Hospital de Lugo, Coral Ecos do Miño Astelu e Orfeón Lucense.

Lugo abre o calendario de feiras do libro que se van desenvolver na provincia, e que como cada ano promoven a Xunta e a Federación de Librarías de Galicia.

As feiras son un escaparate eficaz para o sector editorial galego e un apoio importante para os libreiros, ao tempo que promoven o hábito da lectura entre todos os públicos con actividades de dinamización.

O circuíto de feiras galego comezou o 21 de abril en Ferrol e pecharase en Monforte de Lemos, do 23 ao 26 de agosto. No que respecta á provincia lucense, nese mesmo mes tamén están previstas as de Viveiro (do 12 ao 15) e Foz (do 17 ao 20), e antes, entre o 2 e o 4 de xuño, a de Vilalba.

A Federación lanzou recentemente, tamén co apoio da Xunta, a Axenda Cultural online, para recompilar as actividades que se organizan ao longo do ano nestes establecementos, desde clubs de lectura ata presentacións de libros, pasando por eventos infantís ou coloquios. Esta axenda pretende ser unha plataforma para todas as actividades das librarías, permitindo ao público ter acceso nunha mesma web ás propostas da súa contorna.