Skip to main content
Lugo

O PP advirte que a peonalización do casco histórico incumpre o contrato coa concesionaria dos aparcadoiros

Por 19 Maio, 2023Sin comentarios

O PP advirte que o proxecto de peonalización do casco histórico incumpre o contrato asinado por Lara Méndez coa concesionaria dos aparcadoiros municipais.

Antonio Ameijide explica que estas obras incumpren o acordo asinado por Lara Méndez con Interparking S.A., empresa concesionaria da xestión dos aparcadoiros da Praza do Ferrol, Praza de Santo Domingo e Praza da Constitución, cando se ampliaron as dimensións das prazas destes aparcamentos, un acordo que se ratificou na xunta de goberno local do 16 de xuño de 2021.

“Segundo este acordo, Lara Méndez aprobou unha serie de medidas como a aprobación dunha porcentaxe extraordinaria do 1,5% para a revisión das tarifas establecidas durante 10 anos; un período de carencia no pagamento do canon ata superar o nivel de ingresos de rotación e aboados ou un ano adicional na duración da concesión”, di.

Pero o incumprimento que podería dar lugar á indemnización antes mencionada é o “impulso do proxecto de dobre sentido na rúa de acceso ao aparcadoiro da Praza do Ferrol nun medio prazo, sempre dentro das previsións e dispoñibilidades orzamentarias e da oportunidade do momento a implantar a solución técnica que permita conquerir dita finalidade dentro das actuacións de reducción do tráfico rodado no Casco Histórico”.

Habilitar de dobre sentido de circulación a Rúa San Fernando é unha medida que apoia o servizo municipal de enxeñería, e que a alcaldesa asinou na modificación do contrato. Nun informe do xefe deste servizo, do 4 de xuño de 2021, indícase que “no que atinxe ao impulso do dobre sentido na Praza de San Fernando, dentro das actuacións de reducción do tráfico rodado no Casco Histórico esta actuación sería perfectamente coherente con esa intención. Existe un estudio de tráfico para implantar unha glorieta na intersección da Ronda coa Avenida da Coruña na Porta de San Fernando, que ten como único inconvinte a compatibilidade cos fluxos peonís dende o Centro cara á Avenida da Coruña”, que na práctica suporía modificar a situación dalgúns pasos de peóns.

Neste informe tamén se indica que “se pode asumir que a pretensión da concesionaria pode ser factible nun medio prazo, sempre dentro das previsións e dispoñibilidades orzamentarias e da oportunidade do momento a implantar a solución técnica que permita conquerir dita finalidade”.

Para Antonio Ameijide, Lara Méndez “volve a xogar cos cartos de todos os lucenses” como xa fixo na Fábrica da Luz (onde se pagou á concesionaria unha indemnización de 2.5M€) por “incumprir acordos que ela mesma negociou, asinou e ratificou en xunta de goberno”.

“Unha decisión que Lara Méndez tomou unilateralmente a pesar de que en xaneiro de 2018 anunciou a glorieta para San Fernando”, conclúe.