Skip to main content
Lugo

Un foro sobre a sociedade romana cita en Humanidades uns 20 investigadores europeos

Por 19 Maio, 2023Sin comentarios

O coloquio científico Specula Populi Romani? Revisitanto o papel da cidade, que coordina a profesora de Historia Antiga da USC María Dolores Dopico Caínzos, reúne os días 24 e 25 de maio na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo vinte especialistas pertencentes a universidades e centros de investigación de España, Portugal, Italia e Francia (Universidade de Trieste, Montpellier, École Pratique des Hautes Études, Braga, Córdoba, Guimaraes, Barcelona…).

A temática deste foro científico, orientado á participación de estudantes e titulados en Humanidades, Ciencias da Cultura, Filoloxía Clásica, Xeografía, Historia e Arte, así como a alumnado de mestrado e doutoramento e a calquera persoa interesada, permitirá afondar sobre a consideración da urbe como elemento estrutural do Estado romano, tal e como manteñen a maioría dos historiadores nas súas respectivas investigacións, a través das que se achegan ao concepto de cidade desde múltiples disciplinas e metodoloxías.

Esta reunión científica, explica a profesora Dopico Caínzos, pretende tamén abordar algunhas das controversias xurdidas a finais do século XX e a comezos da actual centuria, con voces que poñen e cuestión o cometido das cidades romanas como impulsoras do cambio o creadoras de novas identidades, a fin de reivindicar un maior protagonismo das sociedades indíxenas.

A revisión destas ideas e a exhaustiva análise da importancia real das cidades no contexto destas transformacións, centrará a temática dalgúns dos relatorios programados, nos que, a diversos especialistas tratarán cuestións ligadas ao urbanismo ou ao funcionamento das cidades, así como os impactos destas accións nas comunidades orixinarias, tales como poden ser os manifestados a través de cambios onomásticos, na relixión e nos rituais funerarios, os cambios culturais e propagandísticos, as identidades…

As persoas interesadas en tomar parte neste coloquio, organizado ao abeiro do proxecto de investigación nacional polo Grupo de Estudos para a Prehistoria no Noroeste Ibérico da USC, xunto coa Facultade de Humanidades e o Museo Universitario Domus do Mitreo, poden formalizar a súa inscrición de balde a través dos enderezos de correo electrónico mdolores.dopico@usc.es ou francisco.folgueira.rios@usc.es.