Skip to main content
Lugo

Continúa este martes a programación do Festival de Música do Corpus

Por 22 Maio, 2023Sin comentarios

O martes 23 de maio continua o Festival de Música Cidade de Lugo – 50 Semana de Música do Corpus no auditorio do Conservatorio Profesional Xoán Montes de Lugo cun recital de piano a cargo de Noelia Rodiles. A música para piano de Gyórgy Ligeti e Franz Schubert será a protagonista deste concerto de Noelia Rodiles, definida pola crítica como “un dos valores máis sólidos do pianismo español e internacional”.

Noelia Rodiles fixo do diálogo entre o gran repertorio clásico e romántico e a creación actual unha das súas apostas e trazos de identidade. Actúa regularmente nas principais salas de España como o Auditorio Nacional de Música, Teatro Real, Auditorio de Zaragoza, Palau da Música Catalá, Fundación Juan March ou Teatros del Canal, e en ciclos e festivais como Schubertíada de Vilabertrán, Quincena Musical Donostiarra, Festival de Música Española de Cádiz, Festival Internacional da Arte Sacra de Madrid, Xoves Intérpretes da Fundación Scherzo ou o Outono Musical Soriano, así como en presentacións en Alemaña, Italia, México, Francia, Polonia, Tunisia, Bolivia e Xordania.

Como solista, Noelia Rodiles tocou xunto a orquestras como a Orquestra Nacional de España, Orquestra da Radio Televisión Española, Orquestra da Comunidade de Madrid, a Sinfónica do Principado de Asturias, a Orquestra Heinrich Heine de Düsseldorf, a Filharmónica de Querétaro (México) e The Soloists of London entre outras, baixo a dirección de mestres como Lucas Macías, Víctor Pablo Pérez, Pablo González, José Ramón Encinar, Michael Thomas, Marzio Conti, Ramón Tébar ou Pablo Mielgo.

A súa calidade musical foi recoñecida en concursos nacionais e internacionais de piano como o Rotary Club de Palma de Mallorca e o Ricard Viñes de Lleida ou o Primeiro premio, por unanimidade, e os tres premios especiais recibidos no Concurso Nacional de Piano Cidade de Albacete. Obtivo tamén o primeiro premio no Concurso Permanente de Xoves Intérpretes de Xuventudes Musicais de España na especialidade de música de cámara, así como o premio dos Circuítos Festclásica.

OUTROS CONCERTOS

Nas seguintes citas do festival Pierre Hantaï, Lawrence Zazzo & Tercia Realidad, Roberta Invernizzi con Ars Atlántica ou La Bellemont serán os grandes protagonistas desta edición, xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Sinfónica Vigo 430. Serán 8 concertos que conforman unha programación heteroxénea que abrangue 5 séculos de música coas premisas básicas de apostar pola calidade e pola diversidade de enfoques e repertorios.

O contratenor estadounidense Lawrence Zazzo, xunto coa orquestra barroca con instrumentos orixinais Tercia Realidad, dirixida por Jorge Jiménez, abordará un programa centrado na música sacra de Vivaldi no que destaca o seu famoso Stabat Mater; a gran soprano italiana Roberta Invernizzi e Ars Atlántica, grupo dirixido polo arpista Manuel Vilas, levarán a cabo un programa de “recuperación” de arranxos de cámara de arias de ópera italianas ao longo de tres séculos; e o sublime clavecinista francés Pierre Hantaï, lembrará ao seu mestre Gustav Leonhardt cun programa que xirará arredor das transcricións de este último de obras de J. S. Bach para outros instrumentos.

O grupo historicista La Bellemont xunto coa soprano francesa Armelle Morvan ofrecerán os seus propios arranxos de corais luteranos do propio J. S. Bach e dalgúns dos seus predecesores máis influentes. A oboista galega Iria Folgado interpretará o concerto para óboe de Richard Strauss xunto coa Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida por Vicent Alberola, que tamén abordará a Sinfonía nº 9 de Shostakovich xunto con unha obra de estrea do vigués Juan Eiras. A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) pechara o festival o 9 de xuño co que será un dos últimos concertos de Dima Slobodeniouk como o seu director titular, con un programa adicado a sinfonías de Mozart e Schubert.

Todos os concertos celebraranse no Círculo das Artes de Lugo agás o da pianista Noelia Rodiles, que terá lugar no Conservatorio de Música Xoán Montes. Serán con entrada de balde ata completar a cabida. O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Area de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.