Skip to main content
Lugo

Continúa este sábado a programación do Festival de Música do Corpus

Por 26 Maio, 2023Sin comentarios

O sábado 27 de maio continua o Festival de Música Cidade de Lugo – 50 Semana de Música do Corpus, no Círculo das Artes de Lugo, co concerto da Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida por Vicent Alberola. Contará como solista coa oboista Iria Folgado que interpretará o Concerto para óboe e orquestra de Richard Strauss. Completan o programa a Sinfonía nº 9 de Dmtri Shostakóvich e unha obra de estrea do vigués Juan Eiras.

Nas seguintes citas do festival Lawrence Zazzo & Tercia Realidad, Roberta Invernizzi con Ars Atlántica ou La Bellemont serán os grandes protagonistas, xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia. En total 8 concertos que conforman unha programación heteroxénea que abrangue 5 séculos de música coas premisas básicas de apostar pola calidade e pola diversidade de enfoques e repertorios.

O contratenor estadounidense Lawrence Zazzo, xunto coa orquestra barroca con instrumentos orixinais Tercia Realidad, dirixida por Jorge Jiménez, abordará un programa centrado na música sacra de Vivaldi no que destaca o seu famoso Stabat Mater; a gran soprano italiana Roberta Invernizzi e Ars Atlántica, grupo dirixido polo arpista Manuel Vilas, levarán a cabo un programa de “recuperación” de arranxos de cámara de arias de ópera italianas ao longo de tres séculos; o grupo historicista La Bellemont xunto coa soprano francesa Armelle Morvan ofrecerán os seus propios arranxos de corais luteranos do propio J. S. Bach e dalgúns dos seus predecesores máis influentes. A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) pechara o festival o 9 de xuño co que será un dos últimos concertos de Dima Slobodeniouk como o seu director titular, con un programa adicado a sinfonías de Mozart e Schubert.

Concertos gratuitos

Todos os concertos celebraranse no Círculo das Artes de Lugo. Serán con entrada de balde ata completar a cabida. O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Area de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.