Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Caixa Rural e USC convocan dous contratos de predoutorado

Por 7 Maio, 2023Maio 8th, 2023Sin comentarios

O obxectivo da colaboración de ambas as institucións é o de contribuír á promoción e mellora da actividade investigadora.

A Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaba de asinar un convenio de colaboración mediante o cal a Fundación dotará economicamente a convocatoria de dous contratos de Predoutorado con finalidade investigadora.

Nun acto na sede central de Caixa Rural Galega en Lugo, presentaron o convenio o Reitor Antonio López Díaz e  Manuel Varela López, vicepresidente da Fundación e presidente de Caixa Rural Galega, xunto a Elvira López Mosquera, delegada do Reitor para o Campus de Lugo, e Alberto Cepeda Saez e Salvador Diz Cerviño, membros do Padorado da Fundación. Ambos se congratularon por este primeiro acordo de colaboración que permite incrementar a capacidade da USC para dotarse de persoal investigador, así como facilitar a licenciados a posibilidade de realizar unha actividade investigadora remunerada que permita así mesmo a obtención dun título de doutoramento.

O obxectivo da colaboración de ambas as institucións é o de contribuír á promoción e mellora da actividade investigadora, o desenvolvemento e a innovación universitaria, así como a calidade da educación superior, e en xeral do avance da sociedade a través da formación de novo talento científico e tecnolóxico.

O convenio e os contratos teñen unha duración de tres anos e a dotación económica será integramente sufragada pola Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.

A USC será a encargada de realizar a convocatoria, así como de realizar as contratacións e dar soporte á actividade investigadora dos contratados. Igualmente conformará a comisión de avaliación na que participará un representante da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.

Poderán concorrer á obtención destes contratos aqueles estudantes que estean en posesión dun título universitario de grao ou equivalente e de Máster universitario ou equivalente, que vaian realizar un plan de investigación nalgunha dos catro eixos establecidos na convocatoria, todos eles relacionados co mundo agroalimentario e forestal e a sustentabilidade como eixo transversal. Os eixos ou áreas de investigación serán a produción vexetal e agricultura sostible, a produción e saúde animal sostible, a alimentación segura e saudable e por último a xestión forestal sostible.

A convocatoria publicarase na sede electrónica da USC, onde tamén se poderán presentar as solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais desde a publicación da convocatoria na sede electrónica da USC.