Skip to main content
Triacastela

O PSOE de Triacastela denuncia que a inacción do goberno local fará perder 12.000 euros mensuais aos veciños

Por 17 Maio, 2023Maio 18th, 2023Sin comentarios

O Partido Socialista de Triacastela denuncia “a desastrosa xestión económica que de maneira continuada vén facendo a alcaldesa, que alcanzou unha situación insostible e prexudica gravemente aos veciños e veciñas ata o punto de que perderán fondos procedentes do Estado”.

Así o manifestou o candidato do PSdeG á alcaldía, Miguel Ángel Fernández, quen desvelou que o Ministerio de Facenda e Función Pública reterá ao Concello a cantidade económica que habitualmente recibe do Estado (Participación nos Tributos do Estado), por importe de case 12.000 euros ao mes a partir de xuño.

Este feito dáse porque a rexedora do PP leva “polo menos tres anos sen presentar a documentación contable esixida pola lexislación vixente para velar polo saneamento e transparencia dos concellos de toda España”, denuncian os socialistas. “En concreto, non entregou a liquidación dos orzamentos cando menos dende o ano 2020”.

“Por riba da vergonza, pois somos o único Concello da provincia de Lugo e só hai outro máis en Galicia sancionados por incumprir a legalidade, a desidia da alcaldesa e do seu equipo está prexudicando de maneira moi grave aos veciños, pois deixaremos de percibir 12.000 euros ao mes, unha cantidade económica moi importante, que é fundamental para manter os servizos”, subliñou Fernández, quen recalcou o “impacto negativo que terá na localidade a perda de liquidez”.

Os socialistas de Triacastela levan moito tempo advertindo da “irresponsable e nefasta” xestión económica da actual Alcaldesa, que “non é capaz de aprobar o orzamento anual en tempo e forma, lembrando que o de 2022 aprobouno inicialmente en decembro dese mesmo ano, pero non de forma definitiva, e o de 2021, en marzo do ano seguinte.

Cambio de goberno

“A situación é insostible e os socialistas estamos capacitados e preparados para darlle unha solución”, asegurou o alcaldable. “Queremos gobernar para poñer ó día as contas municipais e aprobar os orzamentos, porque é o instrumento investidor fundamental para poder manter e crear novos servizos e sacar adiante obras que melloren as condicións de vida dos nosos veciños e veciñas”, subliñou Fernández.

“Sen presupostos non se pode gobernar, todo está paralizado”, argumentou o candidato do PSOE en Triacastela. Así, di que o 28 de maio “temos a oportunidade de acabar con este desastre e recuperar a senda de progreso e crecemento que necesitan e que merecen os nosos veciños e veciñas, e ser noticia polos proxectos e iniciativas positivas que sexamos capaces de sacar adiante, non por incumprir a lexislación en algo tan básico como presentar as contas en tempo e forma”, sostivo o candidato.