Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Castro de Rei acolle este sábado a última das Rutas de Historia

Por 5 Maio, 2023Maio 6th, 2023Sin comentarios

Coñecer, amar, valorar e protexer a historia de Galicia. Ese é o principal obxectivo de www.rutasdehistoria.gal, un proxecto patrimonial impulsado polo portal web www.historiadegalicia.gal ao que esta primavera se sumaron catro rexedores das catro provincias galegas cun único fin: poñer en valor o seu patrimonio local.

Coñecendo a historia cos alcaldes de Galicia, así se chama este novo proxecto impulsado por Rutas de Historia que quere converteu en guías turísticos e históricos por un día aos alcaldes de Tui (Pontevedra), Enrique Cabaleiro (PSdeG); Castro de Rei, Francisco Balado (PPdeG); Outes (A Coruña, Manuel González, de Compromiso Outes) e A Mezquita (Ourense), Rafael Pérez (BNG).

Así, Castro de Rei será a última de estas rutas, que se celebrará este sábado, 6 de maio, a partir das 10.00 horas, con saída do cemiterio de Duarría.

O guía do percorrido será o propio alcalde da localidade, Francisco Balado, que dará a coñecer os “segredos ocultos” e as “anécdotas históricas” que atesouran.

O rexedor de Castro de Rei indicou que “o patrimonio dos concellos de Galicia moitas veces está deteriorado”. Incidiu en que, dende esta iniciativa queren “poñer o acento naquel patrimonio que está agochado e que non se ve”.

Roteiros

As andainas tiveron lugar o 1,15 e 29 de abril e combinaron visitas con camiñatas. Os alcaldes, acompañados nalgunhas ocasións por divulgadores locais explicaron, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasaban os camiñantes.

Castro de Rei, unha viaxe na procura do centro da terra

Será a de mañá unha visita por máis de 2.000 anos de historia na que se poderá coñecer onde se atopou un tesouro romano, sepulturas paleocristiana, a casa de José Castedo Teijeiro, inventor dun fusíl similar ao máuser; os lugares onde naceron o rico comerciante do século XVIII marqués de Atalaia Bermeja e Manuel Becerra Bermúdez, ministro de Fomento e Ultramar no século XIX. Tamén haberá tempo para ver o carballo centenario de Luxís na parroquia de Pacios.

O proxecto

Os roteiros de Rutas de Historia queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia e dos concellos que a conforman. Tamén para crear conciencia entre a veciñanza de que a historia e o patrimonio poden ser un valor engadido para a dinamización da economía local.

O proxecto Rutas de Historia naceu en 2017 da man do xornalista e profesor da USC, Xurxo Salgado, co obxectivo de poñer en valor a nosa historia. Desde entón e ata hoxe se teñen realizado máis de 40 roteiros. Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal, colaboraron representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Colectivo Capitán Gosende, colectivo A Rula, a Asociación Cultural Roxín Roxal ou a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo. Tamén participaron arqueólogos como Xurxo Ayán ou Antón Malde e destacados divulgadores culturais e escritores de novela histórica como Anxo Angueira, Manuel Gago, Marcos Calveiro, Eva Mejuto ou Carmen Varela, entre outros.