Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Francisco Balado encabeza a candidatura popular de Castro de Rei

Concorren aos comicios cun programa centrado na creación de emprego, na mellora das infraestruturas e en aumentar a oferta deportivo-cultural.

O candidato á alcaldía de Castro de Rei, Francisco Balado, encabeza unha candidatura representativa das parroquias do Concello para seguir dando resposta ás peticións do veciños e cumprir o programa electoral co que os populares concorren ás eleccións do vindeiro día 28. Balado e o seu equipo aspiran así a revalidar a confianza dos cidadáns e emprender o que sería o cuarto mandato consecutivo do tamén deputado provincial.

Tal e así que, durante a presentación da lista, o alcaldable avanzou como principais liñas programáticas impulsar a creación de máis solo industrial no parque de Castro Riberas de Lea e o incremento da participación en plans integrados de emprego, aumentando con elo a elevada cifra acadada neste mandato de persoas empregadas nas industrias asentadas.

En materia de conciliación laboral e familiar, apostan por aumentar o servizo de madrugadores, construír un ximnasio no CEIP Veleiro Docampo e polo acondicionamento exterior do CEIP Ramón Falcón, ademais do reforzo dos servizos de Dependencia e do SAF. Polo que respecta ao eido deportivo, o adiantou a ampliación dos campamentos de verán e programación de ocio, a construción dunha nova pista de pádel, parques infantís nos colexios e un novo polideportivo; complementado as actuacións executadas nestes anos como o campo de adestramento de fútbol ou a instalación de parques biosaudables.

As infraestruturas tamén están no centro do programa dos populares. Balado detallou o impulso de novas concentracións parcelarias en Triabá e Viladonga, a reforma da Edar do parque industrial, e a e mellora e ampliación da rede abastecemento. “Todo iso, dixo, súmase ao millón de euros que xa investimos na rede de abastecemento de preto de 20 parroquias e na depuradora urbana de Castro Riberas de Lea, ademais dos 2 millóns para acondicionar os accesos aos núcleos de poboación”. No apartado de cultura, o programa contempla seguir rehabilitando os elementos arquitéctonicos e etnográficos do municipio.

Dende a dirección provincial poñen en valor “a enorme valía do que é un gran alcalde”, agradecendo “a súa indiscutible vontade colaborada co Partido pero, sobre todo, con Castro de Rei”.

“Falar de Fran é falar de xestión, de seriedade e de principios. Ademais, acompáñano un equipo valente e que consolidará a este municipio como un referente dos da contorna de Lugo”, afirmaron dende a dirección provincial.

GARANTÍA DE UNIDADE

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, puxo ao candidato como garantía de unidade, de experiencia e de calidade para que o concello de Castro de Rei siga prosperando como ata o de agora.

De feito, José González sinalou que a presentación desta candidatura vén avalada por unha traxectoria de pasado e presente que debe seguir conectando co futuro para seguir facendo de Castro de Rei un municipio de máximo potencial.

CANDIDATURA AO COMPLETO

Francisco Balado, que estivo tamén arroupado polo responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, presentou a todos os integrantes, destacando que con respecto á 2019, a candidatura conta con tres novas caras dos 16 que a conforman. Este ocupan os postos 10, 12 e 13, respectivamente.

  1. Francisco Javier Balado Teijeiro.
  2. Roberto Lorenzo Fernández.
  3. Víctor Carrera Puente.
  4. Laura Campo Fernández.
  5. María Josefa López López.
  6. José Rielo Losada.
  7. José Luis García Barja.
  8. Marisol Gigán Díaz.
  9. María Edita Sinde Basanta.
  10. Juan José Pita Iravedra.
  11. Mónica Begoña González Cabana.
  12. José Ramón Vega Barja.
  13. Paula Sánchez Seoane.

Suplentes:

  • Josefa Mouriz Teijeiro.
  • Ana Isabel Morandeira López.
  • Pablo Prieto González.