Skip to main content
Cospeito

A Deputación finalizou as obras do polígono de Cospeito

Por 12 Maio, 2023Maio 13th, 2023Sin comentarios

A institución provincial completou os traballos de urbanización que lle correspondía acometer, mentres a entidade local debe dotar ao complexo dos servizos necesarios de auga e alcantarillado.

A Deputación de Lugo informa de que a totalidade das obras do polígono industrial que a institución construíu en Cospeito está finalizadas. Polo tanto, a súa posta en marcha só depende agora do Concello.

A institución provincial asumiu no ano 2020 este proxecto, que estaba en mans da extinta Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), e a día de hoxe ten completados os traballos de urbanización que lle correspondía acometer, nos que fixo un investimento de 1,3 millóns de euros. A actuación incluíu o movemento de terras, as redes de saneamento, pluviais, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións, gas, centro de transformación e sinalización do complexo industrial.

Pola súa parte, ao Concello de Cospeito correspóndelle dotar ao complexo dos servizos necesarios de auga e alcantarillado, con capacidade suficiente para a demanda industrial, tal e como recolle literalmente a cláusula 4ª do convenio de colaboración asinado entre a Deputación, a entidade local e Suplusa o día 1 de xaneiro do ano 2005 para a construción do polígono. Estes son os servizos que faltan para que a infraestrutura poida entrar en servizo.