Skip to main content
GuitirizXermade

O programa Sénior da UNED da Coruña abre o prazo de inscrición

Por 17 Maio, 2023Sin comentarios

Trátase dun programa formativo aberto e flexible dirixido a maiores de 55 anos que é pioneiro e referente da dinamización rural en Galicia.

Dende o 15 de maio de 2023 está aberto o prazo de inscrición no programa UNED Sénior vinculado ao centro asociado UNED A Coruña para todas aquelas persoas maiores de 55 anos que non aspiren a obter un título universitario pero busquen unha formación continuada que axude a mellorar a súa calidade de vida, ampliar coñecementos e fomentar as relacións interpersoais. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles e comezar as clases do primeiro cuadrimestre, en outubro.

Durante este curso 2022-2023, o programa Sénior da UNED A Coruña contou con aproximadamente 280 alumnos e alumnas cada semestre, repartidos nas súas diferentes aulas. Trátase dun programa pioneiro que conta co apoio da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración e que vai máis aló da formación do alumnado de maior idade. Dende que o programa comezou en Galicia, hai máis de dez anos, conseguiu ser un referente para a dinamización social e cultural do medio rural.

Neste momento, os concellos colaboradores son A Baña, Aranga, Boiro, Guitiriz, Irixoa, Lousame, Monfero, Paderne, Padrón, Porto do Son, Rianxo e Xermade.

A UNED Sénior é un programa aberto no que o alumnado pode matricularse no número de materias que queira. Divídese en dous cuadrimestres, nos que se ofrecen e se imparten un total de 17 materias. No curso 2023-2023 destacan materias como Cultura musical galega, Historia da arte e patrimonio artístico, Actividade física e incidencia na saúde, Saúde pública e envellecemento, Iniciación ás novas tecnoloxías, Coñecemento inglés e labregos e agroecoloxía. Cada unha destas materias ten unha duración de 30 horas e ofrécese de forma presencial.

As persoas que desexen inscribirse no programa Sénior da UNED A Coruña ou solicitar máis información poden dirixirse persoalmente ao concello colaborador de referencia ou ben co coordinador do programa, Luis Rodríguez Patiño, no correo electrónico coordinadorunedsenior@gmail.com ou luisrodriguezpatino57@gmail.com

Para preparar o inicio do novo curso 2022-2023 e informar a todos os interesados, a UNED Sénior da Coruña programou unha reunión que terá lugar o próximo 2 de agosto en Paderne.