Skip to main content
Meira

O pleno de Meira ratifica o irmandamento con Moaña e aproba as actividades conxuntas

Por 2 Maio, 2023Maio 3rd, 2023Sin comentarios

O Pleno de Meira aprobou o expediente de irmandade entre o concello de Moaña e do de Meira e unha proposta de actividades conxuntas, dadas as relacións existentes entre a dúas vilas.

Ademais acordouse a creación dunha comisión específica para a Irmandade entre ambos concellos da que forman parte o alcalde do Concello de Meira ou persoa na que delegue, un representante do grupo político do PSdeG-PSOE e un representante do grupo político do BNG e a secretaria da corporación.

Os dous concellos levan os últimos anos traballando no irmandamento con varias reunións entre eles co fin de avanzar no programa. O obxectivo foi a posta en común das actividades que se poden realizar en cada vila dentro da cultura, o turismo e o deporte.

O primeiro contacto entre as dúas vilas foi cando o alcalde da Meira luguesa, Antonio de Dios, foi invitado a participar nas festas de Moaña de 2018. Ao ano seguinte unha delegación devolveu a visita e comezou o proceso para celebrar este irmandamento.

Tamén perfilaron intercambios, que teñen previsto promover e impulsar, en especial entre as bandas de música ou os grupos de baile, e fomentar a artesanía, a festa da malla e a organización de visitas guiadas ao mosteiro e aos molinos con vivenda. Tamén pretenden fomentar as rutas polos ríos, xornadas de xogos populares, campamentos de verán e rutas de senderismo.

Así no ámbito cultura está previsto o intercambio de asociacións e entidades culturais durante as festas e os eventos que se organicen de cada vila. Para o concello de Meira será do 14 ao 17 de agosto e para a parroquia de Moaña, o 24 e 25 do mesmo mes.

Ademais, teñen previsto o intercambio das Escolas de Música, visita ao Encontro de Embarcacións tradicionais, intercambio da Asociación Folclórica Meiramar-Axóuxeres e o grupo de gaitas de Meira, posible intercambio da Asociación de Devanceiros do Mar e da Asociación Amigos da Malla de Meira, intercambio de grupos de teatro amador, intercambio das bandas de música (Festival de Bandas) e festival de Corais.

No apartado da promoción económica e o turismo proponse o intercambio das entidades e persoas vencelladas á promoción económica (artesanía, hostalería, comercio, produción…) e tamén a capacidade do turismo para potenciar as dúas vilas. Para iso propoñen o intercambio de artesáns e productores nas Festas da Malla e en Arte na Illa; a realización de varias rutas polas canteiras do litoral de Meira (Moaña). Ruta da Moaña Mariñeira: mariscadoras/bateas/as carreiras. Ruta á Torre de Meira. Ruta literaria vencellada á novela “O último barco”, de Domingo Villar.

Propoñen tamén a celebración de visitas guiadas en Meira: ao Mosteiro, ao Pedregal e rutas literarias vencelladas ao autor Avelino Díaz e organizar unha mostra da festa do mexillón en Meira (no concello) e unha mostra da Festa da Malla en Meira (parroquia).

No ámbito da hostalaría queren facilitar o contacto á veciñanza dos locais nos que poden comer ou aloxarse, ademais de organziar campamentos xuvenís, intercambios clubs persoas xubiladas, intercambios de asociacións de comercio e hostalaría, con eventos que promovan os intercambios de iniciativas, e contar con información turística dos dous concellos e da Irmandade nas oficinas de turismo de ambos, publicitando os eventos dun concello tamén no outro.

Completan o programa común con partidos de fútbol, carreiras populares, deporte tradicional: Club de Bolos e Billarda (Concello de Meira)/ Petanca e Tiro á Chave (Concello de Moaña); visita ás regatas da parroquia de Meira, participación na ruta Miño-Eo e eexhibición de Agility.

Finalmente, queren promover o intercambio do alumnado dos colexios de educación primaria e dos institutos, coa intención de que a xente moza e a infancia coñezan a relación de Irmandade e as potencialidades dunha e doutra vila. Desde a Comisión proponse que a temática central destes intercambios xire entorno a arte: cine, banda deseñada, murais, etc.; mais queda aberta a que sexa a propia comunidade educativa a que escolla a orientación das actividades a compartir.