Skip to main content
Meira

O PP de Meira defende o desenvolvemento da economía dende o rural

Por 11 Maio, 2023Sin comentarios

O PP presenta en Meira un proxecto de desenvolvemento baseado no aproveitamento dos seus recursos e nas súas potencialidades como cabeceira de comarca. O candidato á alcaldía, Óscar Fernández, defende a actividade económica dende o rural tanto en sectores vinculados ao sector primario coma aos relacionados con outros ámbitos. Así o manifestou durante unha visita á localidade por parte da responsable de Promoción do Emprego e Igualdade do Goberno galego, María Jesús Lorenzana, na que puideron coñecer de primeira man a actividade dunha empresa de subministro de alimentación para o gando e dunha produtora audiovisual instalada en Meira.

Os populares visitaron Cereales Rego, unha empresa familiar de segunda xeración cun amplo crecemento nos últimos anos e de referencia a nivel provincial, onde mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Empresarios de Meira durante o que puxeron de manifesto “as necesidades de formación específica para dotar ás diferentes empresas da vila de persoal cualificado”. Igualmente, outro dos temas que máis preocupan ao tecido empresarial e polo que se está a preocupar a candidatura do Partido Popular é “a dificultade de crecemento das empresas pola limitación de solo industrial”. Unha das prioridades para os populares é “o desenvolvemento dun PXOM que favoreza o incremento de vivenda e de oportunidades de traballo coa posibilidade de ampliación das empresas existentes e de poder atraer novas actividades ao Concello”.

O candidato convocou aos empresarios a unha reunión na que participará a responsable de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do Goberno galego para avaliar as posibilidades de desenvolver un Plan Xeral que garanta o desenvolvemento de Meira que na actualidade está limitado pola inacción do goberno local.

MEIRA NO MAPA AUDIOVISUAL

Óscar Fernández destaca “o labor da produtora Gaitafilmes asentada en Meira” sinalando que, situarse fóra dos núcleos urbanos supón algunhas dificultades; pero tamén é posible desenvolver dende o rural actividades relacionadas co audiovisual”. Nese sentido, recolle no seu proxecto o impulso de xornadas e outras actividades de formación especializada no sector audiovisual co permitirán achegar a Meira a máis profesionais do sector e contribuír a dinamizar a vida social e económica da vila.