Skip to main content
Vilalba

O PSOE denuncia un posible afán especulativo do número 2 da candidatura do PP en Vilalba

Os socialistas sinalan que a empresa comprou en subasta un total de 8 parcelas cunha bonificación do 50% e posteriormente incumpriu a normativa non realizando ningunha actividade para a que foron mercadas.

 

O PSOE vilalbés acusa de irregularidades á empresa da que é administrador o número 2 do Partido Popular na candidatura que concorrerá ás eleccións do 28 de maio ao respecto da adquisición e xestión dunhas parcelas no Polígono Industrial Sete Pontes.

Aseguran que a empresa se presentou á subasta realizada no ano 2018 en condicións especiais pola rebaixa do prezo ao 50%, adxudicándoselle un total de 8 parcelas, equivalentes a máis de 4.800 metros cadrados de chan industrial. Posteriormente, Xestur S.A, organismo que compón as unidades operativas do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia na promoción e preparación do chan industrial, inclúe en dito expediente a obriga de realizar unha serie de actividades nestas parcelas no período de 3 anos.

Enganden que a  sociedade da que é administrador o candidato dos populares presenta unha solicitude ante o concello para que se lle conceda a licencia, ante a que a entidade local fai unha comprobación con data 15 de novembro de 2019. O informe emitido desvela a inexistencia de actividade en 7 das 8 parcelas, actuando legalmente e denegando esta licencia. O procedemento continúa polo contencioso en Lugo e remata cunha sentenza do TSXG do 7 de abril de 2022 desestimando o recurso de apelación interposto pola empresa.

“A sentencia ratifica o proceder do Concello na denegación do permiso alegando que a actividade contida na memoria non se correspondía coa que se estaba a realizar, que a empresa tratou de modificar para o uso de “depósito de vehículos”, recollendo a sentencia que non existe un uso industrial principal nas parcelas, como esixe a normativa”, din.

Desde o PSOE explican que “a empresa que administra esta persoa fixo un perxuízo importante a outros empresarios debido a que esas parecelas a día de hoxe están paralizadas”. Neste senso, “cremos que o PP debe explicar se os terreos foron mercados cun afán especulativo, sendo aínda máis grave que no momento no que se produciu o feito ostentara o cargo de presidente na Asociación de empresarios de Vilalba”. Os socialistas critican a falta de coherencia “de saír nos medios de comunicación pedindo chan industrial e apoio das administracións para o polígono, mentras adquire particularmente parcelas ás que en ningún momento pretendeu dar un uso industrial, privando a outros de facelo”.

O Partido Socialista tamén sinala á visita do Conselleiro de Industria mañá a Vilalba, poñendo de relevo que “nunca entrou neste mandato no concello, así que agardamos que polo menos lles explique nese encontro cos empresarios que vai facer Xestur con ditas parcelas”.

Finalmente, os socialistas quixeron reflexionar sobre “o perigo da volta ao pasado, de que no concello volva entrar o mesmo caciquismo disfrazado con caras novas pero co mesmo proceder de sempre”.