Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta promete un centro municipal de procesamento de produtos do agro

Por 20 Maio, 2023Sin comentarios

O candidato de Vilalba Aberta á Alcaldía, Modesto Renda, presentou onte a que será unha das principais apostas en materia de infraestruturas se goberna. Un centro de apoio ao desenvolvemento rural, orientado á transformación alimentaria de produtos do agro, que se inspira no exitoso modelo dos Concellos de Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Cercido.

“Trátase dun espazo para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc” explicou o candidato en relación co que definiu de “decidida aposta por contribuír dende o Concello a poñer a producir ao rural” e que lle permitiría ás pequenas explotacións e particulares do Concello poder procesar as súas colleitas, xa sexa para autoconsumo ou para dárlle saída aos excedentes.

“Desta maneira contribúese a complementar as economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento no territorio”, remarcou un Renda que tamén explicou que as instalacións estaría completamente equipadas para atender a produción autoxestionada de distintos tipos de conservas e elaborados vexetais e de mel, cumprindo sempre coa normativa sobre seguridade, sanidade, etiquetaxe e trazabilidade alimentaria.