Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Os alcaldes da comarca foron investidos nas sesións constitutivas das novas corporacións

Por 17 Xuño, 2023Xuño 19th, 2023Sin comentarios

Os concellos da comarca constituiron hoxe as súas novas corporacións municipais nas que destacaron algúns cambios de alcaldes como foi o caso de Alfoz e O Valadouro. Todos os rexedores quixeron agradecer nos seus discursos o apoio obtido.

En Ribadeo, o novo alcalde, Dani Vega, apostou polo traballo conxunto da nova Corporación para que Ribadeo siga a medrar como pobo. Na súa primeira intervención como rexedor subliñou que “para min ser alcalde de Ribadeo é a maior honra como veciño que naceu e viviu neste concello e que sempre o levou na cabeza e no corazón”. Igualmente, deixou constancia do seu compromiso de traballo para todos os ribadenses en igualdade da man dun goberno que se marca como obxectivo “traballar nunha dirección única: impulsar Ribadeo e achegar investimentos clave para mellorar e avanzar”.

Hoxe en Cervo quedou constituída a nova corporación con Dolores García Caramés como alcaldesa, que recibiu o bastón de mando da man da concelleira Pilar Armada. García Caramés dixo que “hoxe iniciamos unha nova etapa na que prometemos gobernar para todos sen distinción, con humildade e proximidade porque así é como nos gusta facer as cousas”.

En Trabada, Mayra García Bermúdez tomou posesión como alcaldesa e dixo que “seguiremos facendo unha xestión cercana e a pé de rúa, escoitando os veciños e comprobando “in situ” as súas necesidades, como fixemos durante estes oito anos”, asegurou García Bermúdez no seu discurso.

En palabras da rexedora, “seguiremos dando o mellor de nós para atender as necesidades dos veciños; para iso, vai ser esencial a cooperación entre todas as administracións, ás que brindamos a nosa colaboración e apoio, pero tamén seremos firmes e esixentes cando as circunstancias o requiran”.

No pleno da corporación de Lourenzá, foi investida alcaldesa Rocío López García por terceiro mandato consecutivo e dixo que “afronto este reto con moita ilusión pero coa seriedade que me dá a experiencia e o coñecemento de oito anos de goberno a fronte da Alcaldía e sendo consciente de que aínda son moitas as cousas que nos quedan por facer. Ser alcalde ou concelleiro do noso municipio é a maior honra que pode ter unha persoa con vocación de servizo público. Por iso eu síntome plenamente orgullosa deste reto e estou moi agradecida a tantas e tantas persoas que ó longo destes 8 anos nos destes o voso apoio e confianza. Neste momento de gran emoción institucional e persoal quero mostrar a miña gratitude a todas as veciñas e veciños de Lourenzá, aos que os votaron e aos que con toda lexitimidade preferiron outra opción política. Dende este momento sigo sendo a alcaldesa de todas e de todos e ó servizo de todos traballarei con humildade e xenerosidade buscando sempre o que creo mellor para Lourenzá. Este será o meu empeño, tal e como foi dende que entrei a formar parte desta corporación municipal no ano 2015”.

Fran Cajoto foi investido alcalde de Foz cos 7 votos do grupo municipal socialista. No seu discurso Cajoto explicou: “fixemos un pacto coas veciñas e veciños de Foz, no que un grupo de rapaces con capacidade pero sen experiencia, con ideas socialistas, progresistas, centrados nas persoas, iamos esforzarnos polo mellor dos proxectos: mellorar o noso pobo, transformar as parroquias en lugares conectados, máis atractivos para vivir, converter a nosa vila nunha cidade amable, cómoda, que fora unha referencia na comarca da Mariña, traballar duro por Foz. Para iso sacrificamos moitas cousas. Sacrificamos a privacidade, o anonimato, quizais certa liberdade, pero sobre todo o ben máis prezado que temos: o noso tempo. Tempo que lle sacamos ás nosas familias, aos amigos, aos nosos hobbys, ás nosas vidas”.

No relativo a Burela, a socialista Carmela López dixo que “teño un dobre compromiso. Vou traballar duro, o meu equipo de goberno vai traballar sen parar por Burela. Non nos chegarán as horas do día para adicarllas a este pobo que se merece toda a entrega de quen o goberna. E chamaremos a todas as portas cantas veces sexa necesario para que apoien a Burela. E faremolo con sentido da responsabilidade pero tamén con determinación, se o prefiren, con valentía. Chegamos cargados de proxectos bos para Burela, para mellorar a vida dos veciños e veciñas, para abrir novos espazos cos que compartir a vida diaria do pobo, para dinamizar os sectores produtivos que se merecen os nosos traballadores, empresarios e autónomos”.

A candidata de VIA Alfoz, Efigenia Maseda, foi investida como a primeira alcaldesa de Alfoz e dixo que “son consciente de que as boas intencións axudan pero non bastan, espero facer o mellor posible o meu traballo, cumprir as expectativas que hoxe deposita en min a veciñanza de Alfoz. A veciñanza deunos un mandato claro: falar, dialogar e antepoñer o futuro de Alfoz ao noso”.

O resto dos alcaldes investidos foron en Viveiro, a socialista María Loureiro; no Valadouro, a independente de UDIVAL, María José Fernández; en Barreiros, a nacionalista Ana Ermida; en Xove, Demetrio Salgueiro; Jesús Novo no Vicedo, Manuel Otero en Mondoñedo, Clemente Iglesias en Riotorto, José Luis Pajón en Ourol, e Darío Campos na Pontenova.