Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Comeza a veda da centola na provincia de Lugo que se prolongará ata novembro

Por 24 Xuño, 2023Sin comentarios

A veda da centola na parte litoral que vai desde A Guarda ata cabo Corrubedo e de cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares comeza mañá e prolongarase ata o vindeiro 5 de novembro, día incluído. Na provincia de Lugo, zona comprendida entre cabo Estaca de Bares e o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, a veda comezará o 3 de xullo e prolongarase ata o 27 de novembro.

Así o establece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2023-2024, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Mentres, a veda do boi comezará o vindeiro 2 de setembro e prolongarase ata o vindeiro 5 de novembro, de acordo coa resolución pola que se aproba o plan de xestión das dúas especies para a campaña 2023-2024.

A prohibición de extraer centola nas provincias da Coruña e Pontevedra comeza ás 00,00 horas de mañá, 24 de xuño, e estenderase ata as 00,00 horas do domingo 5 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00,00 horas do 3 de xullo ata as 00,00 horas do 27 de novembro. No caso do boi, a veda prolongarase en todo o litoral de Galicia desde as 00,00 horas do sábado 2 de setembro ata as 00,00 horas do domingo 5 de novembro.

Nestes períodos queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calamento no momento en que comece a correspondente veda e levalas a porto.

A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular as pesqueiras da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos.