Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O xerente da OPP de Burela, Sergio López, nomeado novo presidente do CCSUR

Por 28 Xuño, 2023Sin comentarios

O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto  de Burela, Sergio López, acaba de ser elixido en Nantes como  novo presidente do Consello Consultivo para Augas Sur  Occidentais (CC SUR). 

Celebráronse en Nantes, Francia, as Asembleas  Xerais do Consello Consultivo de Augas Sur Occidentais, que é un dos sete  Consellos Consultivos Rexionais incluídos na reforma da Política Pesqueira  Común de 2002, e que ten como meta fomentar unha maior participación de  todos os actores do sector para alcanzar os obxectivos de pesca sostible  fixados na PPC.

Na súa Asemblea Ordinaria validáronse as contas e actividade do exercicio  2022-23 e presentouse o novo programa de traballo e orzamento para 2023- 24. As Asembleas Extraordinarias convocáronse para a renovación dos 25  representantes do Comité Executivo e os cargos de vicepresidentes e  presidente, que agora ostentará o actual xerente da OPP-7 Burela.

Sergio López García convértese así no terceiro presidente do CC SUR,  substituíndo no cargo a Aurelio Bilbao Barandica, xerente de Opescaya e das  Confrarías de Pescadores de Biscaia, que o presidiu nos últimos 12 anos, tras  Victor Badiola, que foi o primeiro presidente entre 2007 e 2011.

As súas primeiras palabras foron de agradecemento e que asume “o cargo  con ilusión e o reto de conseguir a maior participación e consenso posible nun  momento clave para o futuro do sector pesqueiro fronte as actuais tendencias  políticas que ameazan a actividade”.

O novo presidente do CC SUR referiuse ás potencialidades dun sector que  achega a proteína animal máis sa, con menor pegada de carbono e nula  pegada hídrica; que xera riqueza e emprego en zonas afastadas dos centros  industriais; e que é un claro exemplo de conservación do medio mariño, o seu  medio de vida.

Finalizou a súa intervención cunha alegación en favor da pesca, do “Amor ao  Mar” e facendo un chamamento a todos os axentes, pedindo que todos  asuman a bandeira do coñecemento (tanto científico como do know-how das  xeracións), o debate e o consenso: “A unión de todos é necesaria nun  momento como o actual”.

Sergio López García é licenciado en ciencias económicas, con máis de dez  anos de experiencia representando ás confrarías de pescadores en Galicia, e  desde xaneiro de 2017 é o xerente da Organización de Produtores  Pesqueiros do Porto de Burela, entidade que representa buques pesqueiros  de diversos tipos, pero onde destacan as frotas palangreiras de fondo, que  capturan con anzol a pescada en augas europeas, e de superficie, que  capturan peixe espada no Atlántico.

O Consello Consultivo de Augas Sur Occidentais, cuxa sé está en Lorient, Francia, cobre a vertente atlántica desde Bretaña ata o Estreito de Xibraltar,  as zonas CIEM VIII, IX e X; e realiza un papel de interlocutor para contribuír a  acadar os obxectivos de pesca sostible fixados na Política Pesqueira Común,  facendo recomendacións á Comisión Europea e aos Estados Membros  mediante ditames que deben ser o resultado dun consenso entre o sector  pesqueiro e a sociedade civil.

Dos dez Consellos Consultivos existentes, o CC SUR é o que posúe máis  membros da Comisión Europea, estando formado na actualidade por 84  entidades dos cinco Estados Membros: Portugal, España, Francia, Bélxica e  Países Baixos; sendo o 60% do sector pesqueiro (organizacións de  produtores, confrarías, transformadores, comercializadores) e o 40% da  sociedade civil (consumidores, Ong medioambientalistas, asociacións de  mulleres ou pesca recreativa) cunha representación proporcional entre os  diferentes países.