Skip to main content
Ribadeo

O segundo trimestre cultural de Ribadeo remata co programa Apego e cunha proposta literaria musical e visual 

Por 16 Xuño, 2023Sin comentarios

O segundo trimestre cultural do Concello de Ribadeo remata co programa Apego e cunha proposta literaria musical e visual.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero Cabarcos, dixo que “remata o trimestre cunha mostra da liña cultural que se veu desenvolvendo durante estes anos, caracterizada pola calidade, a variedade en canto a públicos e xéneros, a estabilidade da oferta e a colaboración coas asociacións culturais do concello. Así, o vindeiro 24 de xuño teremos a última actividade deste semestre do programa Apego, que como sabemos busca potenciar a transmisión do noso idioma ás novas xeracións”.

A edil explicou que “Na procura das bágoas sereas é unha actividade destinada ás familias con crianzas de 3 anos en diante. Vincula a ecoloxía coa aprendizaxe do léxico relacionado coa mar. Consistirá na recollida de refugallo nunha praia para concienciar sobre o problema da contaminación mariña e con este material construirase un móbil que logo decorará as casas e cuartos infantís. Polas condicións da marea, a persoa encargada de desenvolver a actividade, a ribadense Patricia Pérez Leal,  elixiu como escenario a praia de Lóngara, en Barreiros. No aparcadoiro grande deste areal xuntaranse as familias ás catro da tarde, como diciamos, o sábado 24 de xuño”.

Otero Cabarcos sinalou que “o segundo evento, ese mesmo día ás oito e media da tarde no auditorio municipal, é  A luz, orión e a nova luz, unha proposta de Miguel Rodríguez Monteavaro, da Universidade de Uvieu e veciño de Boal. Trátase dunha proposta literaria, musical e visual en galego (na variedade asturiana) que pretende contar un conto grazas ás novas formas de expresión do século XXI. A idea principal do proxecto é desenvolver un espectáculo de poesía, son e visuais contemporáneos baseado na revisitación do mito clásico do heroe Orión”.

E engadiu: “o mes remata coa XI edición do Curso de Iniciación ao Jazz e á Música Moderna organizado pola Asociación Cultural Bruar. Colaboran na organización varias entidades, entre elas o Concello de Ribadeo. É este un curso para o que aínda está aberta a matrícula no teléfono 677 73 40 84 e do que poderemos ver unha mostra co concerto final que terá lugar o domingo 2 de xullo”.