Skip to main content
Lugo

O sector do metal e os traballadores de Europastry protagonizaron senllas folgas

Por 1 Xuño, 2023Sin comentarios

Os sindicatos subliñaron un seguimento do 95% no primeiro caso e case do cen por cento no segundo.

A cuarta xornada de folga no metal da provincia de Lugo rexistrou un seguimento masivo próximo ao 95%, con piquetes informativos despregados nos distintos polígonos e coa actividade do sector practicamente paralizada. Nesta ocasión, o persoal aproveitou para realizar unha concentración diante da sede de Aprevar, a patronal dos talleres, “que quitou a careta e estase amosando como a parte máis reacia a chegar a un acordo”.

Neste senso, Afonso Losada, responsábel da CIG-Industria de Lugo, rexeitou as declaracións feitas polo presidente desta asociación patronal “a quen lle viñemos explicar que estamos aquí para negociar e tamén para presionar”. Lembrou que froito da forza amosada polo conxunto do persoal durante a folga, a pasada semana a patronal movía a súa oferta, “mais de maneira insuficiente”, polo que insistiu en que “hai que seguir adiante para lograr que avancen máis e asuman as nosas demandas”.

Apunta que en materia salarial, o último incremento ofertado pola patronal para o ano 2022 é do 4,5% cando o IPC real foi do 5,7% e no relativo aos atrasos “só dá 700 euros, 400 euros menos dos que corresponderían”. Ademais, a patronal continúa a negarse a pagar os atrasos xerados coas revisións ao IPC, sendo esta unha das reivindicacións ás que o persoal non está disposto a renunciar como garantía de mantemento do poder adquisitivo.

Aínda que a media tarde a patronal convocou a representación social a unha reunión para hoxe, xoves, ás 10h, nestes momentos o calendario de folgas continúa en pé e o venres haberá paro xeral e manifestación ás 12:30 que comezará na Avda. de Madrid e rematará diante da CEL na Praza de Santo Domingo.

EUROPASTRY

A práctica totalidade dos traballadores e das traballadoras de Europastry (antiga Ingapan) secundaron este mércores unha xornada de folga para reclamar melloras laborais e salariais. Para dar máis visibilidade ás súas demandas, o persoal realizou unha manifestación a media mañá que saíu das instalacións da empresa no Polígono do Ceao e foi até o Mercadona da Avda. Infanta Helena, xa que esta cadea de distribución é unha das principais clientas da empresa. Durante a manifestación, o persoal de Europastry confluíu brevemente co piquete dos compañeiros e compañeiras do metal e ambas loitas recibiron o apoio e o recoñecemento mutuo.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López Carmona, explica que dende que o grupo Europastry se fixo co control total da lucense Ingapan o pasado ano, “comezouse a implantar unha política de recortes e precarización laboral” que tocou dereitos tan diversos como a retirada da cesta de nadal -que o persoal tivo que recuperar en vía xudicial- ou os descontos nos incrementos das antigüidades.

“Europastry vive instalado nunha precariedade manifesta”, denuncia López Carmona, quen lembra que na provincia de Lugo o grupo conta con factorías no Polígono do Ceao, Outeiro de Rei e Begonte e aínda cando todas forman parte da mesma actividade, as condicións laborais e os sistemas retributivos dos/as traballadores/as son distintos e mesmo existen discriminacións co persoal de nova contratación.

“A isto súmaselle unha deficiente organización no traballo e o empobrecemento dos soldos no contexto de medre disparado do custe da vida. Cómpre indicar que o persoal de Europastry réxese polo convenio provincial de panaderías que demostrou ser unha absoluta fraude, pois as táboas salariais xa están superadas polo SMI”, di. De feito, nunha das pancartas que portaban na manifestación podíase ser ler Europastry, produtos de primeira, salarios de terceira.

En Lugo traballan arredor de 500 persoas contratadas directas e outras preto de 300 contratadas a través de empresas de traballo temporal. “Isto é un foco de precariedade total. A empresa abusa deste tipo de contratación”, alerta Carmona, ao tempo que salienta a elevada participación do persoal eventual de ETT nesta xornada de folga.

“Farto de aturar a precariedade, as discriminacións e baixos salarios”, a representación do persoal (da CIG) trasladoulle á empresa unha proposta de melloras que a compañía “non está atendendo”, e aínda que o pasado venres a dirección manifestou vontade de chegar a acordo “non estamos vendo esa vontade por ningunha parte”. Ao contrario, critica o secretario comarcal da FGAMT-CIG, “Europastry mesmo está perseguindo a declaración da folga como ilegal”.