Skip to main content
Lugo

O Pavillón Municipal contará con nova instalación eléctrica para mellorar a eficiencia enerxética

Por 1 Xuño, 2023Sin comentarios

 As instalacións eléctricas do Pavillón Municipal dos Deportes serán renovadas co obxectivo de incrementar a súa eficiencia enerxética.

A alcaldesa, Lara Méndez, anunciou a apertura do proceso de licitación dos traballos, orzamentados en 199.998 € e que disporán de dous meses de prazo de execución.

“Queremos seguir avanzando no noso modelo de cidade e iso implica apostar por actuacións que supoñan un aforro enerxético e de emisións contaminantes, como as que se levarán a cabo nestas instalacións deportivas”, explicou Méndez.

A rexedora subliñou que “estas obras, ao igual que as que comezarán este mesmo luns no Pombal (onde os proxectores existentes serán substituídos por outros novos de tipo led), levaranse a cabo no marco da estratexia DUSI Muramiñae, dentro do obxectivo temático 4, que busca favorecer a transición cara unha economía baixa en carbono”.

Precisamente, co fin de mellorar a eficiencia da iluminación do pavillón da rúa Santiago, que actualmente está constituído na súa maioría por lámpadas obsoletas e de elevado consumo enerxético, proponse o remplazo das mesmas por outras de tecnoloxía led, adecuadas a cada espazo iluminado.

Correxirase, así mesmo, o ángulo exposto da iluminación, pois a existente crea sombras, de forma que se recolocarán, alén, os proxectores de pista co fin de conseguir unha cobertura homoxénea.

Así mesmo, respectaranse, por outra banda, as liñas de aceso e os xogos de luz que permiten realizar as luminarias actuais ao tempo que se substituirá toda a iluminación exterior por lámpadas de tecnoloxía led, incluíndo as letras corpóreas da fachada do edificio.