Skip to main content
Lugo

O Museo Provincial suma 16 novas obras de Tino Grandío

Por 7 Xuño, 2023Sin comentarios

O Museo Provincial de Lugo incorpora dezáseis novas obras do pintor lucense Tino Grandío (Lousada, Guntín, Lugo, 1926 – 1977), depositadas por Rosendo Figueroa Dorreego. Trátase de oito óleos sobre lenzo e outros tantos debuxos a tinta e augadas, representativas das distintas etapas da súa obra pictórica, desde 1950 ata 1976, un ano antes da súa prematura morte.

A cesión das obras -a través dun contrato de comodato, cunha duración de sete anos, prorrogable – concretouse este martes nun encontro no que a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro agradeceu “a xenerosidade da familia do pintor lucense, que xa ten cedidas outras obras ao Museo Provincial” e sinalou “este novo depósito como unha oportunidade para reivindicar desde Lugo o legado dun dos pintores galegos máis recoñecidos internacionalmente”.

A este respecto, a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro avanzou que “coa recepción das novas obras, se comezará a traballar na creación dunha sala monográfica para expoñer de forma permanente unha escolma da produción artística de Tino Grandío”.

Obras depositadas en comodato

Óleos sobre lenzo

  • Retrato de Ana, 1976
  • Sin título, 1953
  • Baile, 1950
  • Baile de Carolina, 1969
  • El Platero, 1960
  • Ría de Vigo, 1974
  • Florero, 1976
  • La Nada, 1961

Tintas e augadas

  • Composición de bocetos
  • Baile de Carolina, 1964
  • Pescador mentiroso, 1964
  • Volta do monte!, 1964
  • Sobrina del pintos, 1964
  • Ciervo, 1966
  • Caballa, 1966
  • Os que quedamos os outros están na Lemania, 1964

As 16 obras cedidas en depósito súmanse ás 13 que conservaba o Museo Provincial de Lugo, configurando unha colección con produción de varias épocas e técnicas que amosan polo miúdo a evolución da súa obra.

Tino Grandío

As inquietudes artísticas do mozo tino Grandío recibiron a axuda dunha bolsa concedida en 1951 pola Deputación de Lugo, o que facilitou o seu traslado a Madrid, onde estableceu a súa residencia. Na capital organizou unha vida dedicada á pintura, aproximouse ás vangardas e relacionouse con importantes artistas e personaxes do momento.Recibiu varias Medallas Nacionais de Belas Artes

Para desenvolver a súa singular linguaxe pictórica Grandío desprazouse entre a figuración e a abstracción e avanzou cara a depuración da súa técnica. Nesa evolución, as liñas desdebúxanse, os contornos das figuras fúndense para dar paso ao predominio da mancha. A materia e a aridez, tan presentes nas primeiras obras, perden forza ata ser substituídas por texturas suaves, exentas de rixidez. E aos poucos prodúcese o abandono da cor saturada, propio das composicións costumistas das primeiras etapas da súa traxectoria, para acadar a madurez da súa pintura, caracterizada polo manexo dos grises ricos en tonalidades e matices.