Skip to main content
Lugo

Remata unha intervención na Cheda para o embelecemento do barrio

Por 7 Xuño, 2023Sin comentarios

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, visitou o barrio da Cheda xunto coa concelleira de Participación, Cristina López e o edil de Infraestruturas, Alexandre Penas. A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo continúa a traballar no barrio, onde se veñen de realizar dous murais a cargo de Trece Trazos, co proxecto artístico #EuSonDaCheda, “un proxecto que iniciamos desde o Concello de Lugo, e que achegará a arte urbana aos distintos barrios da cidade, poñendo en valor as zonas nas que vive máis veciñanza de todo o concello”, explicou o Tenente Alcalde.

Arroxo lembrou que “nos últimos anos, desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo traballamos no arranxo integral de diversas zonas do barrio, renovando a rúa Pousadela ata a ronda do Carme, traballando no pintado da sinalización horizontal, ou co asfaltado da rúa Río Sar e outras actuacións neste barrio”. As intervencións neste barrio complementan outras obras feitas en diversos barrios da cidade como Albeiros, As Gandaras ou Castelo.

Arroxo lembrou que “desde o Goberno de Lugo traballamos na atención aos distintos barrios, atendendo ás peticións das veciñas e veciños sobre as zonas nas que desenvolven a súa vida”. “As peticións da veciñanza, xunto coas visitas que realizamos por toda a cidade permítennos planificar o traballo que realizamos, buscando mellorar a calidade de vida e o benestar das veciñas e veciños”, afirmou o Tenente Alcalde.