Skip to main content
Lugo

Remata este venres a programación do Festival de Música do Corpus

Por 8 Xuño, 2023Sin comentarios

O venres 9 de xuño a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) pechará o festival co que será un dos últimos concertos de Dima Slobodeniouk como o seu director titular.

Dmitri, Dima, Slobodeniouk (Moscova, 1975) foi o director titular da Orquestra Sinfónica de Galicia dende 2013 ata a presente tempada, e dende o 2016 da Sinfonia Lahti. O seu estilo caracterízase pola fusión das tradicións musicais da súa Rusia natal e de Finlandia, onde está afincado.

Entre 1980 e 1989 estudou violín na Escola Central de Música da súa cidade natal con Zinaida Gilels e J. Chugajev, proseguindo os seus estudos no Conservatorio de Moscova dende 1989, no de Middle Finlands e na Sibelius-Akatemia de Helsinki, con Olga Parhomenko.​ Aos 16 anos, trasladouse a Finlandia, e en 1994 iniciou os seus estudos de dirección orquestral, e participou nas clases de Atso Almila en 1996 e en 1998, e continuou despois na Sibelius-Akatemia cos mestres Leif Segerstam, Jorma Panula e co propio Atso Almila. ​Tamén, estudou con Ilja Musinin e Esa-Pekka Salonen.

Entre o 2005 e o 2008, foi director titular da Oulu Sinfonia, á que dirixiu en concertos e producións operísticas, como Les Cuentes d’Hoffmann, Don Giovanni ou Orfeo ed Euridice, de Christoph Willibald Gluck. Na tempada 2009-2010, debutou coa Orquestra de París, e dirixiu tamén orquestras como a Orchestra della Svizzera Italiana de Lugano (Suíza), a Orchestre Philharmonique de Monte-Carlo (Francia), a City of Birmingham Symphony Orchestra e a Philharmonia Orchestra de Londres no Reino Unido, a Cincinnati Symphony Orchestra (Estados Unidos de América), a Oslo-Filharmonien e a Bergen Filharmoniske Orkester de Noruega, a Orquestra de París, a Orquestra Filharmónica de Holanda ou a Koninklijk Concertgebouworkest de Ámsterdan (Países Baixos). ​

Obtivo gran recoñecemento pola súa colaboración con compositores contemporáneos. Como froito desta colaboración, no 2009 presentou, sendo director artístico do Festival de Música Korsholm, as obras de Sebastian Fagerlund, nunha gravación realizada coa Göteborgs Symfoniker para o selo BIS Records. Tamén, estreou obras de Miriam Tally e Olli Kortegangas, e dirixiu á Stavanger Symfoniorkester con obras de Steve Reich. ​ En maio do 2010, volveu dirixir, na Kungliga Operan de Estocolmo, a ópera Tosca, de Giacomo Puccini, despois de debutar na ópera sueca con Ognenny angel, de Serguéi Prokófiev.

O 2 de novembro do 2012, debutou á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) cun concerto no Palacio da Ópera da Coruña. O 13 de febreiro do 2013 foi presentado como director titular da OSG, cargo no que sucedeu a Víctor Pablo Pérez. O nomeamento de Slobodeniouk pola orquestra galega supuxo un impulso á presencia da OSG no ámbito internacional, así como unha aposta pola renovación do repertorio e a captación de novos públicos. O 4 de outubro do 2013, presentouse coa orquestra coruñesa como director titular.

Dende setembro do 2016, compaxina os postos de director artístico na Orquestra Sinfónica de Galicia e na Sinfonía Lahti en Lahti, Finlandia.

O concerto será con entrada de balde ata completar a cabida. O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Area de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.