Skip to main content
Lugo

Convocada folga o 23 de xuño no comercio de alimentación de Lugo

Por 9 Xuño, 2023Sin comentarios

A CIG ten convocada unha xornada de folga para o vindeiro venres 23 de xuño en demanda dun convenio digno para o comercio de alimentación da provincia de Lugo. A decisión chega en resposta ás “insuficientes propostas” trasladadas pola patronal “que supoñen condenar as traballadoras e traballadores a ter o peor convenio do sector no país”.

Aínda que a patronal (Gadis e Froiz) alega que os incrementos salariais que ofrece son maiores que os formulados noutras provincias “estes seguen a ser insuficientes porque partimos dunha situación moi inferior. Coa proposta empresarial, as táboas de todas as categorías profesionais por debaixo do grupo 3 continuarían estando no límite do SMI”, advirte o secretario comarcal da CIG-Servizos, Xoán Díaz.

Na última reunión da mesa, a patronal propuxo un incremento do 5% para o ano 2022, cunha paga única en concepto de atrasos de 780€ (231€ menos do que correspondería), unha suba do 4% para 2023, do 3,5% para 2025 e do 3,25% para o ano 2025. “Ademais, néganse a incluír unha cláusula de revisión que opere ano a ano con referencia no IPC real e o único que propoñen é unha revisión a final de convenio, mais sen efecto retroactivo e sen dar lugar ao cobro de atrasos”.

“Para nós esta oferta resulta insuficiente porque non permite recuperar nin garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, nun sector ademais que dende o inicio da pandemia e no actual contexto de prezos disparados está obtendo beneficios históricos”, subliña Díaz.

Un sector con enormes beneficios

Neste senso, critica que nesta negociación a patronal non está sendo “nin xusta nin xenerosa” coas traballadoras e os traballadores que foron quen, co seu enorme esforzo, permitiron que as compañías de distribución acadaran estas millonarias ganancias.

Por iso, avanza que “imos loitar por un convenio digno. Seguimos a reclamar incrementos salariais do 6,5% para 2022 e do 5,7% para 2023 para poder reverter o empobrecemento dos últimos dous anos; e unha cláusula de revisión salarial ao IPC real e con carácter retroactivo para garantir que non haxa perda do poder adquisitivo no futuro; así como demandamos o cobro do complemento de IT até o 100% da base de cotización”.

Moitas destas melloras, engade Díaz, foron asumidas pola patronal e estanse aplicando no convenio sectorial da Coruña polo que “as traballadoras da provincia de Lugo non van pasar por menos”. Díaz aclara que a CIG xa convidou ao resto de organizacións sindicais con presenza na mesa a que se sumen “e nos acompañen nesta convocatoria” que foi un mandato saído das asembleas de persoal.

Comisións obreiras

A unión comarcal de Comisión Obreiras manifestou que se suman á convocatoria de Folga no sector do próximo 23 de Xuño de 2023 e propoñen ademais unha manifestación o próximo domingo día 18 de xuño, na que as plantillas do sector, conxuntamente coas suas familias, “podan expresar o seu malestar pola situación da negociación”.

“O persoal do Comercio de Alimentación fomos considerados esenciais durante toda a pandemia, expoñendo a nosa saúde e a das nosas familiaspara atender a toda a cidadanía, e evitar desabastecementos en momentos tan complicados”, explican.

“Agora, nestes tempos complicados e despois de que as empresas tiveran amplos beneficios, toca negociar o noso convenio colectivo e é o momento de que se recoñeza este traballo, cando a situación económica con IPCs descontrolados están a provocar unha situación crítica para os traballadores e traballadora”, engaden.

Piden polo tanto un incremento salarial de forma que teñan en conta a situación actual de IPC, “acabando coa indecencia de salarios próximos ao SMI en empresas con grandes beneficios”. Así mesmo piden reducir a xornada anual de 1.812 horas, unha das maiores do comercio.

Queren tamén acabar “coa discriminación deste convenio, que permite que os traballadores e traballadoras do sector en Lugo, sexan os únicos que non pagan o 100% do salario en caso de baixa médica”.

Poñen enriba da mesa solucións á desconexión dixital e outra serie de medidas de conciliación da vida laboral ou familiar, que xa se aplican no resto do comercio, como conseguir un número mínimo de fins de semana libres ao ano.