Skip to main content
Lugo

A USC recoñece o traballo de 120 estudantes de FP polo seu expediente

Por 15 Xuño, 2023Sin comentarios

O reitor da USC, Antonio López, ofreceu este mércores, no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, un acto de recoñecemento institucional a uns 120 estudantes de Formación Profesional que participaron na última convocatoria das ABAU en Galicia logo de completar diversos ciclos superiores de FP cunha nota media de sobresaínte.

Antonio López aproveitou este encontro para abrir as portas da USC a este colectivo de alumnado preuniversitario, ao que convidou a ampliar a súa formación nas aulas da institución académica. A sesión serviu tamén para facer visible as vías de conexión existentes entre a FP e os estudos universitarios, tal e como o proba o feito de que máis de 400 tituladas e titulados en FP formalizaron no último bienio a súa matrícula en diversas titulacións universitarias impartidas nos campus de Lugo e de Santiago da USC.

A secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella; o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López; a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; o delegado do reitor para Ensino Medio, Celso Rodríguez; a responsable do programa A Ponte na sede universitaria luguesa, Guadalupe Vila; a directora Xeral de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, María Eugenia Pérez Fernández, e o concelleiro de Deportes e Xuventude Concello de Lugo, Mauricio Repetto, tamén participaron neste acto de recoñecemento ao talento do alumnado de Formación Profesional con mellor expediente académico, unha sesión á que tamén se sumaron directores e decanos das escolas e facultades da sede universitaria luguesa, así como unha ampla representación de profesorado universitario.

Alén das intervencións das autoridades presentes, a alumna do IES Muralla Romana de Lugo Carla Castrillo Escolar, en representación do colectivo homenaxeado, e o director do CIFP Politécnico de Lugo, Antonio Ibáñez, tamén fixeron uso da palabra no marco deste acto de recoñecemento institucional por parte da USC aos titulados en ciclos superiores de Formación Profesional con expediente académico de sobresaínte.

Unha vez rematado o acto institucional, durante o que o alumnado recibiu como agasallo un diploma acreditativo, os novos graduados e graduadas superiores en Formación Profesional tiveron a ocasión de coñecer de primeira man a oferta de titulacións de grao impartidas pola USC no Campus de Lugo, a través dos distintos postos informativos establecidos no hall do auditorio da Facultade de Veterinaria.