Skip to main content
Lugo

Arroxo e Méndez firman un pacto de goberno con cen obxectivos

Por 15 Xuño, 2023Sin comentarios

O pacto que se revalida estará baseado, segundo Lara Méndez e Rubén Arroxo, na colaboración institucional para asegurar a gobernabilidade do Concello e a estabilidade do mandato.

O próximo Executivo local do Concello de Lugo xa dispón do acordo marco, con case cen puntos de actuación, que garantirá a gobernabilidade do municipio durante os vindeiros catro anos.

A rexedora e o tenente de alcaldesa en funcións, Lara Méndez e Rubén Arroxo, daban a coñecer, esta mañá, as principais liñas da folla de ruta que marcarán a xestión da Administración municipal durante o seguinte mandato.

Unha coalición que, tal e como afirmaron os dirixentes das dúas formacións, “estará baseada na colaboración institucional co fin de asegurar a estabilidade neste novo período, defender os intereses da veciñanza de Lugo, impulsar os servizos municipais e dar respostas aos grandes retos do municipio nos eidos da gobernanza, o urbanismo, o medio ambiente, as infraestruturas, a cultura, a economía, o turismo, o medio rural e o deporte, así como a todas as políticas sociais”.

Pola súa parte, Lara Méndez avanzou que o Goberno municipal seguirá a impulsar o modelo de cidade desenvolvido nos últimos exercicios cunha nova mirada á súa concepción – tendo en conta que os obxectivos marcados no mandato que agora conclúe se alcanzaron practicamente ao 100%”.

“Seguiremos a impulsar un urbanismo máis sostible, menos duro, desenvolvendo actuacións cara unha mobilidade neutra en carbono, máis saudable e menos contaminante, buscando a renaturalización dos barrios, con novas formas de construción e edificación, unha maior accesibilidade da trama urbana co río e a mellora e creación de espazos públicos máis confortables para a cidadanía de todas as idades, en prol de incrementar a súa calidade de vida, tal e como viñemos facendo xa estes anos en base ao modelo de cidade deseñado en 2015”.

Méndez fixo fincapé en que co horizonte posto en 2027 “continuaremos a potenciar un modelo produtivo económico co obxectivo de reter e atraer talento e crear emprego de calidade”. Un camiño, dixo, que “se percorrerá dando pasos na modificación do PXOM e do PEPRI, rexenerando urbana e socialmente os barrios – dende un punto de vista edificatorio pera tamén dos espazos públicos – con itinerarios peonís e creando novos pulmóns e sendas verdes na capital que axuden a loitar activamente contra o cambio climático e materializando novas dotacións e recursos a disposición da veciñanza como pode ser un novo pavillón deportivo, a implantación dunha zona de baño no Miño ou pechando o cinto verde entre este río e o Rato ao que tamén imos rexenerar”.

Entre os proxectos que se pretenden acometer Lara Méndez e Rubén Arroxo situaron a creación de estacionamentos disuasorios, un deles en Fontiñas, a elaboración dun plan integral de mellora de seguridade viaria, así como avanzar na eliminación de barreiras, no soterrado do cableado no ámbito urbano – e de forma prioritaria no centro histórico – e na implantación de vieiros seguros nas contornas escolares.

“Impulsaremos a marca ‘Lugo, Cidade Viva’ na súa proxección exterior para potenciar os sectores produtivos que xeren unha vantaxe competitiva para Lugo como son os proxectos relacionados coa economía verde, o turismo sostible e a innovación e as novas tecnoloxías”.

A este respecto, Méndez incidiu na posta en marcha do proxecto Distrito Zero para construír unha contorna empresarial, universitaria e cidadá intensiva en coñecemento e en actividades de I+D+i baseadas na Bioeconomía.

“Da man da Universidade e do Campus Terra, reforzaremos a nosa aposta polo sector forestal e a madeira como elemento clave nas construcións sostibles, onde o Concello de Lugo é pioneira como administración en España e daremos un novo pulo aos viveiros empresariais e ao CEI Nodus como centro de referencia de emprendemento e formación, ao tempo que seguiremos apoiando ao comercio de proximidade no Mercado e na Praza e coa estratexia de dinamización Localmente Lucense”.

Méndez e Arroxo fixeron igualmente alusión á vertente patrimonial do municipio, “que aproveitaremos para proxectar o noso modelo de turismo sostible, de calidade e de experiencias, poñendo en valor a nosa riqueza histórica, natural e gastronómica, traballando tamén para conseguir que o centro histórico sexa o Cuarto Ben Patrimonio da Humanidade de Lugo e acadar o recoñecemento como Cidade Gastronómica de Unesco e, todo isto, sen deixar de afianzar as políticas públicas que se sustentan nos valores de solidariedade e benestar interxeracional, así como no concepto de municipio 8-80, dentro do que ten cabida a continuidade do programa Acompañámoste”.

“As nosas liñas programáticas pasan por incrementar e mellorar as áreas de xogo infantís, por fornecer o Consello da Mocidade e a nosa marca feminista: Mulleres con Forza; por normalizar o uso do galego e da linguaxe non sexista nas comunicacións, promovendo actividades e campañas de concienciación e sensibilización sobre a diversidade afectivo-sexual e velando polo cumprimento da Lei de Memoria Histórica”.

Aumentar a eficiencia da Administración e a participación cidadá son outros dos eixes sobre os que actuará o vindeiro Goberno local, cuxos representantes apostan, igualmente, por profundar nas relacións con outros organismos públicos.

“Desde o Concello de Lugo seguiremos a tender a man ao resto de Administracións para dar apoio a aquelas accións que se desenvolvan no municipio e, ao mesmo tempo, reivindicaremos para a nosa localidade que se cumpran todas as débedas históricas que se manteñen no tempo, así como as novas necesidades”, aseguraron.

Deste xeito, acordaron en esixir á Xunta de Galicia a financiación do proxecto de rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Museo da Romanización de Galicia, unha vez comprometido polo Ministerio de Cultura o Plan Director e o proxecto de Musealización; a creación de vivenda pública na cidade, tras 15 anos sen executala e en revisar o trazado da Rolda Este de xeito que este non dane o ecosistema natural do Rato.

“Tamén lle solicitaremos ao ente autonómico o cumprimento do Plan Paradai tras o desbloqueo das obras que se están a desenvolver grazas ao convenio entre o Concello e a Confederación e demandaremos a rehabilitación integral do barrio da Tinería e dos seus elementos máis salientables, promovendo, tamén, a finalización da Segunda Rolda, rematando o treito pendente entre Camiño Real e a Rolda do Carme”, sostivo Rubén Arroxo.

“Asemade, dende o equipo de Goberno abordaremos con continuidade o saneamento e abastecemento de auga no rural, achegando orzamento municipal e esixindo á Xunta de Galicia que reverta unha porcentaxe mínima do 30% do canon da auga para ampliar a rede do municipio e, xa no ámbito sanitario defenderemos tamén a necesidade da especialización no diagnóstico e o tratamento de enfermidades que afectan especificamente ás mulleres, como é a endometriose”, engadiu Méndez.

Igualmente, entre as reivindicacións máis salientables ao Estado, o Concello de Lugo pelexará por incrementar as conexións por ferrocarril do municipio logo dos grandes avances conseguidos coa construción da Estación Intermodal, a mellora da vía Lugo-Ourense ou a inclusión de Lugo como Corredor Atlántico de Mercadorías.

“E insistiremos, alén, en que se cumpran os prazos para finalizar a autovía con Santiago (A-54) e que se avance na conexión por estrada con Ourense (A-54), así como na mellora da A6 ao tempo que continuaremos reclamando un xulgado específico de violencia de xénero”, apuntaron.

Por outra banda, a rexedora e o tenente de alcaldesa clarificaron tamén que o acordo aprobado esta mañá atende, fundamentalmente, ao aspecto programático que executará o Goberno de coalición, en tanto outros aspectos organizativos, como a área que terá asignada cada concelleiro ou o número de asesores dos que disporá cada grupo da Corporación se dirimirán en próximos encontros, tamén coa oposición, para avanzar na súa constitución definitiva aínda que tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo avanzaron que, neste sentido, se manterá unha liña continuísta, incluídas as competencias que cada formación ten atribuídas, con relación ao anterior mandato no que o Partido Socialista asumiu Economía, Persoal, Urbanismo, Desenvolvemento Local, Medio Ambiente e Medio Rural, Xuventude e Deportes, Servizos Sociais e Muller e Igualdade, mentres que o BNG se encargou de Mobilidade e Infraestruturas, Cultura e Turismo, Participación Cidadá e Educación.

Antes de finalizar, Méndez e Arroxo aludiron á transversalidade da maioría das áreas de xestión, “o que implica que se seguiremos poñendo en marcha accións desde diferentes departamentos municipais, sempre dun xeito complementario e cremos que positivo para a cidadanía porque as prestacións importantes se verán así reforzadas dende os distintos ámbitos”, concluíu a rexedora.

RUBÉN ARROXO

Arroxo explicou que o Goberno de Lugo e as áreas xestionadas polo BNG continuarán co proxecto iniciado no presente mandato, “atendendo ao espazo público, garantindo o coidado das infraestruturas e continuando na mellora da seguridade viaria e da accesibilidade”. Rubén Arroxo explicou que o Concello de Lugo seguirá a traballar no calmado de tráfico, buscando aumentar a seguridade peonil e favorecer o uso de medios de transporte alternativos, buscando que a veciñanza aposte por deixar o coche na casa e apostar por camiñar, o transporte público e os medios alternativos, “cremos que Lugo pode converterse unha cidade que utilice o coche só para os desprazamentos imprescindibles”, explicou Arroxo, que engadiu “continuaremos a promocionar os hábitos saudables entre as crianzas, ampliando os vieiros escolares seguros”.

O Goberno de Lugo seguirá traballando na peonalización da Muralla, dando os pasos previos necesarios, como o remate da Segunda Rolda, no treito entre Agro do Rolo e a Rolda do Carme, o que permitirá comezar a humanizar a zona norte da Muralla. “Seguiremos a dar contido aos novos espazos públicos”, explicou o portavoz do BNG, que destacou que a xestión na área de Cultura continuará cos éxitos dos últimos 4 anos, enchendo de actividade as prazas e facendo dos espazos peonís zonas útiles.