Skip to main content
Lugo

Arrincan os traballos para crear 340 novas prazas de estacionamento gratuíto no HULA

Por 19 Xuño, 2023Sin comentarios

A actuación, que terá un prazo de execución de 4 meses, suporá un investimento municipal de 157.000€.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisaba este luns o inicio dos traballos para habilitar 340 novas prazas de estacionamento gratuíto na contorna do HULA.

A actuación, adxudicada á empresa Excavaciones J. Carreira, suporá un investimento municipal de 156.902 euros, cos que o Goberno local pretende construír un novo aparcadoiro nas inmediacións do centro sanitario.

“Buscamos, así, atender as demandas da veciñanza que segue atopando elevadas as tarifas do parking soterrado”, apuntou a rexedora ao tempo que lembrou que o recinto ocupará dúas parcelas que no seu conxunto suman 11.510 m² con capacidade para máis de 300 vehículos.

A nova área de estacionamento contará con dous accesos: se procurará unha entrada ao recinto polo extremo norte, a partir da vía asfaltada, colocando filas dobres de aparcamento en batería paralelas á rúa Doutor Ulises Romero, no caso do predio da dereita; mentres que no da esquerda optouse por distribuír as prazas de forma paralela ao camiño de acceso, conseguindo con esta organización 340 prazas de 5×2’50 metros.

“A intervención procurará, na medida do posible, atender as necesidades que nos comunica a cidadanía e que, neste caso, queren paliar o elevado custo que segue a ter o parking do Hospital e que obriga a profesionais sanitarios e pacientes a buscar alternativas na vía pública”, apuntou Lara Méndez.

A alcaldesa lembrou que, actualmente, ao redor do complexo hospitalario hai xa máis de medio milleiro de aparcamentos de balde, logo de que o Concello repintase as marcas viarias que circundan o HULA para gañar 150 espazos, aos que cómpre sumar as 363 prazas que se habilitaron no parking creado xusto diante das instalacións e que agora se verán incrementadas noutras 340 máis.