Skip to main content
Lugo

El IES Sanxillao de Lugo gana la beca Fundación María José Jove-Ingada

Por 20 Xuño, 2023Sin comentarios

A Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (Ingada) efectuaron hoxe balance do Curso de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) que impartiron en toda Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

Ademais, as tres entidades renovaron o convenio para levar a cabo unha nova edición destes cursos e deron a coñecer á gañadora da IX Bolsa Ingada-Fundación María José Jove, que recaeu no IES Sanxillao de Lugo.

Á presentación asistiron o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Ingada, Anxo Carracedo; a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e a vicepresidenta de Ingada, Elvira Ferrer.

Dirixida a docentes dos centros de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de Galicia, a formación impartiuse en 7 cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol, asistindo máis de 200 docentes. O obxectivo desta iniciativa non é outro que achegar aos profesores o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento dos alumnos e a súa inclusión. Desde o inicio do programa, que vai xa pola súa novena edición, foron formados case 3.000 profesores. O curso foi impartido por especialistas neuropsicólogos, médicos psiquiatras, médicos de familia, educadores sociais e pedagogos.

E é que tal e como explicou Felipa Jove “o sistema educativo debe continuar asumindo novos retos e desafíos para dar resposta ás necesidades específicas de apoio educativo, tal e como se está facendo. O labor dos profesores é fundamental e o feito de que este curso vaia xa pola súa novena edición, demostra é o interese que teñen o docentes ano a ano por continuar formándose para detectar as debilidades e aproveitar as fortalezas de cada alumno”.

GAÑADORES DA IX BOLSA INGADA-FMJJ

Ao concluír o curso, cada un dos asistentes presentou de forma voluntaria un proxecto final que optaba a unha bolsa de 3.000 euros financiada pola Fundación María José Jove para que o gañador poida implantar o seu proxecto no centro educativo ao que pertence.

O gañador desta edición foi Eva Álvarez Dapena do IES Sanxillao polo seu proxecto Robótica Educativa. Unha proposta inclusiva para o alumnado con TDAH. Trátase dunha aposta por unha metodoloxía motivadora de programación e robótica que consegue estimular o potencial creativo e expresivo dos estudantes a través do desenvolvemento de pequenos proxectos a curto prazo e resolución de problemas. Ademais, fomentará o traballo en equipo de alumnos con e sen TDAH.

Para a docente “a posta en marcha deste proxecto dentro da aula permitirá fomentar a aprendizaxe autónoma do alumnado, o que facilitará a mellora de se autoestima. Tamén buscamos unha mellora nas súas habilidades motoras finas, no razoamento lóxico e deductivo e na creatividade. E esperamos que este progreso derive nun incremento do seu rendemento académico e que as relacións co alumnado e os docentes tamén se vexan favorecidas”.

Ademais do centro gañador, o xurado seleccionou como finalistas outros dous proxectos: Noelia Maceda Gallego, do CEIP Rosalía de Castro, polo seu traballo O noso galiñeiro e Luz García Garrido e Sandra Serramito Calo, do San José de Cluny, polo seu traballo A realidade virtual aplicada ao alumnado con TDAH no ámbito educativo.