Skip to main content
Lugo

O Concello habilita un dispositivo especial de limpeza durante o Arde Lucus

Por 21 Xuño, 2023Sin comentarios

Durante a fin de semana o persoal do servizo municipal Luce Lugo iniciará a súa xornada ás 6 da mañá para garantir que a cidade se atope impecable dende primeira hora.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez e o edil Miguel Fernández deron conta esta mañá do dispositivo especial de limpeza viaria e recollida de lixo que o Concello de Lugo habilitará durante o Arde Lvcvs, o primeiro que se celebra contando xa coa consideración de Festa de Interese Turístico Internacional.

A alcaldesa explicou, primeiramente, que os técnicos municipais, en colaboración co servizo Luce Lugo, planificaron os traballos tendo en conta a programación festiva, incidindo naqueles espazos e momentos do día nos que, pola realización de espectáculos ou pola organización de actividades, se agarda unha elevada presenza de público ou xeración de refugallos.

“Xa nestas xornadas previas procedeuse a realizar un fregado de alta presión. Unha limpeza exhaustiva que abrangueu, entre outras localizacións, os tramos peonís da Rolda da Muralla, Praza de Santa María, Rúa da Raíña, Bispo Basulto ou Praza de Pío XII. Tamén se rozaron e se retirou a maleza do Centro Histórico, se levou a cabo o mantemento das papeleiras, ao tempo que se eliminaron as pintadas en toda a zona intramuros cunha máquina de vapor. Unha posta a punto – resumiu Lara Méndez – que se completará agora con importantes e novas medidas, acompañadas do reforzo de medios mecánicos e humanos, co obxectivo de que a cidade luza limpa e aseada e poida ofrecer a súa mellor imaxe nestas datas tan importantes para os e as lucenses”.

Así, a alcaldesa informou de que esta semana comezarán a instalarse colectores próximos ás zonas nas que se atopan os campamentos, así como na explanada do pavillón municipal onde está prevista, alén da celebración do Circo Romano, unha gran cacharelada coincidindo coa noite de San Xoán.

“Tamén, por primeira vez, colocaremos 4 illas emerxentes para a reciclaxe selectiva (bolsas negra, amarilla, papel e cartón e vidro) – que recuperaremos en cada edición dos festexos – e que irán ubicadas en puntos estratéxicos como son as Prazas de Santo Domingo (fronte ao Mercado), Horta do Seminario, Anxo López Pérez (no edificio administrativo do Seminario) e Parque Rosalía de Castro”, avanzou.

Esta medida obedece á vontade de reforzar aquelas contornas nas que se prevée unha maior afluencia peonil e nas que se agarda, por tanto, un crecemento do volume habitual de residuos.

“Nestes puntos haberá sempre un operario/a permanente para efectuar a limpeza, con especial fincapé, por exemplo onde se desenvolve o Ars Cvlinarivm, na Praza da Constitución que acolle demostracións de oficios con madeira ou mesmo no adarve da Muralla. Un traballo que será previo e posterior no caso dos desfiles, especialmente naqueles nos que participen cabalos, eventos aos que se designarán dous operarios/as en triciclo, unha varredora e unha lavabeirarrúas, todas elas eléctricas para diminuír a súa pegada ecolóxica e o impacto sonoro e ás molestias á poboación”, indicou a alcaldesa.

Méndez anunciou, así mesmo, un aumento da frecuencia do baleirados dos contedores, tamén dos soterrados, “para que sempre teñan capacidade dispoñible, evitando desbordarmentos”.

Pola súa parte, o edil Miguel Fernández puntualizou que o aseo viario se realizará con todos os medios mecánicos dispoñibles (4 cisternas de rego e baldeo, 5 varredoras de beirarrúas e dúas de calzada de gran capacidade, 2 baldeadoras e outros dous equipos con baldeo a presión, ademais de 12 triciclos ) coa premisa de efectuar un labor intensivo en todo momento.

“Do mesmo xeito, todo o cadro de persoal estará en activo esa fin de semana e os mandos intermedios dispoñibles ás 24 horas do día, para poder abordar calquera imprevisto”.

Fernández referiu que a xornada comezará as 6 da mañá para poder atender a todo o centro, incluído o Parque de Rosalía, onde se atopa a Castra, así como os seus arredores, en previsión de que o seu peche, durante a noite, por este motivo, desprace a lugares próximos as reunións nocturnas da mocidade.

“Igualmente, para acurtar os tempos de intervención, os equipos mecánicos de auga se establecerán en zonas próximas ao recinto amurallado”, engadiu.

E, xa con relación ao Lume Novo, o tenente de alcaldesa confirmou un reforzo de dispositivos e colectores en todos os barrios nos que se celebren fogueiras.

“A nosa intención é anticiparnos ás necesidades de limpeza nas que, sabemos, van derivar os dous festexos que coinciden, coordinando esforzos e organizando todos os recursos, materiais e persoais que temos á nosa disposición para actuar con inmediatez naquelas partes da capital nas que se presupón haberá concentracións de xente e acumulación de lixo co obxecto de deixalas impecables o máis rapidamente posible”, subliñou o concelleiro.

Xa o luns, se procederá á limpeza dende primeira hora baixo a supervisión das persoas responsables dos servizos que desenvolverán un plan especial de recollida con maior fincapé alí onde estiveron asentados os campamentos.

Do mesmo xeito, a área de Medio Ambiente instalará un total de 34 wc’s portátiles, doce deles adaptados, en distintos puntos da capital.