Skip to main content
Lugo

Licitan as obras de restauración da Capela da Soidade de Lugo

Por 22 Xuño, 2023Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de licitar obras de restauración e eliminación de humidades na capela da Soidade da Venerable Orde Terceira en Lugo, ás que asigna un orzamento de 186.776 euros.

Os traballos corrixirán os problemas de entrada da auga a través dos muros e do chan. A capela recuperará a súa imaxe primixenia, dado que a mampostería existente non foi concibida para quedar descuberta e provoca boa parte das filtracións.

Así, os muros exteriores serán enfoscados e pintados, en liña coa solución aplicada na torre do campanario e noutras zonas da anexa igrexa de San Pedro na restauración levada a cabo o pasado ano. O enfoscado será a base de morteiro de cal, que permite un bo funcionamento hidrométrico dos edificios, con pintura mineral ao silicato. A medida mellorará notablemente o illamento das fachadas.

As zonas de cantería limparanse e reporanse os encintados. Tamén se restaurarán ou substituirán as carpinterías e a cerraxería, retirando os elementos discordantes.

A igrexa está nun nivel máis baixo que o pavimento da rúa, o que provoca filtracións tanto do terreo da contorna como da auga de escorrenta que accede pola porta da sancristía. Para resolvelo, realizarase unha obra de drenaxe exterior, que conducirá as aguas recollidas ata o rexistro de saneamento existente no extremo suroeste.

No interior vanse substituír o pavimento e o morteiro do zócalo dos muros. Desmontarase a tarima de pinotea do chan e sanearase a base, mellorando o illamento cunha soleira elevada ventilada mediante cámara. Na medida do posible, aproveitarase o material en bo estado da tarima para zonas completas, como o presbiterio. No que respecta aos zócalos, realizaranse previamente catas para descartar a existencia de pinturas murais, que si se aprecian na parte alta.

As empresas interesadas en optar á adxudicación teñen de prazo ata o 7 de xullo para presentar as súas ofertas. O prazo máximo de execución das obras será de seis meses.

Antecedentes

Esta intervención complementa as obras de restauración da cuberta executadas pola Consellería no ano 2015 para solucionar unha das principais vías de entrada de auga.

A Xunta tamén levou a cabo unha sondaxe valorativa dentro da capela en outubro do pasado ano, que deu como resultado principal a localización de varios niveis alterados do que posiblemente fose a necrópole que desde o século XVIII alberga este espazo e a localización do segundo muro ou tirante de cimentación, dos cinco nos que estaba compartimentada.

Esta capela barroca, protexida polo seu valor cultural no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, foi construída no ano 1695. Esténdese ao longo do lateral sur da nave da igrexa de San Pedro e ten planta rectangular debido á adaptación ao terreo que o entón convento franciscano cedeu para a súa construción, o que condicionou a súa forma e dimensións.