Skip to main content
Lugo

A Xunta asina un convenio coas asociacións veciñais en Lugo

Por 28 Xuño, 2023Sin comentarios

A Xunta reforza a colaboración coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave) e catro das súas federacións veciñais para apoiar o funcionamento e as actividades destes colectivos. Este compromiso materializouse onte coa sinatura do convenio entre o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente de Cogave, Fernando Rois, por case 73.000 euros. Á sinatura tamén asistiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Diego Calvo destacou que este apoio contribúe á mellora da calidade de vida local e impulsar o funcionamento da estrutura veciñal axudándolle ás asociacións a levar a cabo actividades que repercutan no benestar da cidadanía. Nesta liña, engadiu o vicepresidente primeiro, cómpre lembrar que as entidades veciñais son os colectivos máis próximos á cidadanía para atender e canalizar as súas demandas.

Cogave ten como un dos seus obxectivos primordiais dinamizar o movemento veciñal de Galicia, dando os servizos que as federacións confederadas demandan para garantir o mellor funcionamento e as melloras necesarias para o desenvolvemento óptimo na comunidade, o que redunda dun xeito directo en cada unha das persoas que a conforman.

Do acordo, xunto con Cogave, forman parte a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti, a Federación de Asociacións de Veciños de Ourense Limiar e a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao de Vigo.

A colaboración da Xunta coas federacións e asociacións de veciños materializase non só a con este acordo, senón tamén con axudas no marco do Plan específico de acción comunitaria a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.