Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A Adega proponse recadar máis de 6.000 euros para tomar accións legais contra a Xunta polo parque eólico Neboada

Por 17 Xuño, 2023Sin comentarios

A Asociación ecoloxista ADEGA engade o parque eólico Neboada, situado nos concellos de Quiroga e Ribas de Sil (Lugo) e a Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense); como un novo desafío da campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico promovido pola Xunta.

O parque eólico Neboada, segundo a Adega, forma parte dun único macroproxecto xunto cos parques Orballeira e Xeada, “resultado dunha fragmentación artificial para esquivar unha avaliación ambiental rigorosa”.

Neboada está impulsado por Maia Directorship, S.L. e conta con catro aeroxeradores de 220 metros de altura e 25,2 MW de potencia instalada. Este complexo eólico proxéctase no corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos (ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra), e entre outros impactos, afectará de forma crítica á única parella de aguia real da provincia de Lugo, unha das poucas existentes en Galiza.

Recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para os desafíos #TPPNeboada é de 6.100 euros. A primeira fase terá unha duración de 1 mes desde este mércores ata o 14 de xullo, na que se deberá garantir acadar eses 3.000 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión.

Nunha segunda fase, procurarase acadar outros 3.100 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como á solicitude de paralización cautelar.