Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Eólica Así Non instará este sábado ás novas corporacións a impugnar a vaga eólica

Por 16 Xuño, 2023Sin comentarios

A coordinadora demandará aos novos gobernos municipais tres medidas dirixidas a defender os seus concellos e á veciñanza fronte a actual “depredación enerxética inxusta e insustentábel”.

Este sábado, 17 de xuño, coincidindo co día no que se celebran os actos de constitución das novas corporacións municipais dos concellos galegos, tras as eleccións do pasado mes de maio, a Coordinadora Eólica Así Non convida ao pobo galego a acudir a estes actos de constitución para facer entrega dun escrito de peticións a todos os concelleiros e concelleiras que ocuparán escano no seu concello nesta nova lexislatura.

O escrito reivindicativo versa sobre tres peticións moi concretas. Primeiro, o expreso e decidido apoio ás reivindicacións da coordinadora para impedir a invasión eólica “da que estamos a ser vítimas”. Así como o apoio económico e técnico necesarios en favor das accións xurídicas que se están poñendo en marcha por parte das plataformas afectadas e colectivos sociais.

En segundo lugar reclaman a presentación polo Concello de todas as acción legais e xudiciais necesarias contra os proxectos eólicos previstos para instalar no noso municipio, e rematan solicitando ao Concello que non facilite a tramitación dos permisos, licenzas e demais trámites dos que teña competencia para a instalación dos parques eólicos autorizados polos gobernos galego e/ou español.

Eólica Así Non pretende involucrar deste xeito ás novas corporacións municipais na loita contra a actual invasión eólica que actualmente se atopa en plena fase de recurso administrativo e/ou xudicial contra os máis de 75 proxectos eólicos especulativos e depredadores autorizados recentemente pola Xunta e polo goberno do Estado.

“Nesta fase, o papel dos concellos galegos é determinante, pois terán a ocasión de defender o interese xeral e da súa veciñanza contra os intereses privados, especulativos e expropiatorios das grandes multinacionais da enerxía. E tamén serán os gobernos locais os que teñan que outorgar os permisos e licenzas necesarias para que as promotoras podan iniciar aos boras de intalación das infraestruturas eólicas nos montes de Galiza. Neste senso, advertimos ás novas rexedoras e rexedores municipais que calquera intento inxustificado de beneficiar ou favorecer ditas obras sen contar previamente con todas as garantías legais e ambientais serán convenientemente denunciadas”, explican.

A Coordinadora Eólica Así Non pon á disposición da cidadanía un modelo de escrito a entregar aos membros das novas corporacións municipais, no momento previo á entrada ao pleno para a constitución dos novos gobernos.

Suxírese, así mesmo, que dito escrito tamén se dirixa a todas as corporacións municipais a través da súa presentación por rexistro.

Anímase ás persoas participantes na iniciativa que compartan coa coordinadora Eólica Así Non fotos ou vídeos da entrega do escrito de peticións ás novas corporacións municipais. Recoméndase que o envío das imaxes se realice inmediatamente despois de ter efectuado a entrega do escrito, ao número de whatsapp ou telegram 698139913.