Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Arrancan hoxe as actuacións do programa Cultura no Camiño, que percorrerá 20 concellos

Por 17 Xuño, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

O programa da Xunta Cultura no Camiño inicia hoxe a súa andaina na provincia, para ofrecer ata o 31 de agosto un total de 72 actuacións artísticas en 20 municipios lucenses polos que transcorren as diferentes rutas xacobeas. A programación está organizada e cofinanciada cos concellos participantes, e inclúe propostas de circo, danza, música, maxia e teatro a cargo de 150 artistas e grupos galegos.

O concello que inaugura o cartel en Lugo é o de Barreiros, que esta fin de semana presenta os espectáculos As fames contadas, de Ángeles Goás, -hoxe no teleclube da Rilleira- e Todas as voces contan, de Paula Regueiro -o domingo na escola de Reinante-. Entre o próximo venres e o domingo 25 tamén haberá actividades no municipio, no centro social de San Cosme e nas escolas de Vilamartín Pequeno e Vilamartín Grande.

Na vindeira semana sucederanse tamén actos noutros catro concellos. Así, o luns 19 o mago Antón actuará en Palas de Rei; o mércores 21 A Gramola Gominola chegará ao CEIP de Santa María da Fonsagrada, mentres que no CEIP San Miguel de Paradela, en Pantón, recibirán ao mago Rafa; e o día 25 Pistacatro presentará o espectáculo Jano sen medidas na Pobra do Brollón.

Durante o verán, o ciclo recalará tamén en Baleira, Begonte, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sarria e Trabada.

A 11ª edición de Cultura no Camiño permitirá mobilizar medio millón de euros en contratacións artísticas, sumando 302 actuacións na comunidade, dirixidas a público marcadamente familiar.

Ademais de impulsar as industrias culturais galegas, esta iniciativa contribúe a dinamizar os municipios galegos vencellados aos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago no marco do Plan Xeración Cultura 23.