Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación expón o seu modelo de residencias nunhas xornadas da USC

Por 30 Xuño, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo expuxo o seu modelo de residencias na primeira edición das Xornadas de Transferencia e Investigación organizadas pola Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela, dedicadas ao uso das tecnoloxías no ámbito xerontolóxico rural e urbano. O deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, foi o encargado de ofrecer este xoves a conferencia de clausura deste encontro, onde explicou o sistema de funcionamento da rede de centros públicos asistenciais implantado pola institución provincial en colaboración cos concellos.

Na súa intervención, Rivera Capón destacou “as infinitas posibilidades que as novas tecnoloxías, a automatización e a intelixencia emocional abren no eido do benestar e dos coidados ós nosos maiores”. Sen embargo, recalcou que na súa aplicación “é importante non confundir os medios e os fins”. “As novas tecnoloxías permiten albiscar solucións que estarían nas antípodas do que representan os nosos centros de maiores”. Referiuse o Deputado á posibilidade de empregar a Intelixencia Artificial e os robots como substitutivos da compañía humana para persoas que viven soas: “Evidentemente, as nosas residencias de maiores parten do principio de paliar a soidade apostando polo contacto humano, non por substituír este cunha aplicación tecnolóxica”.

Na actualidade, a Deputación conta con 9 centros de atención de maiores, situados nos concellos de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e o recentemente posto en funcionamento en Ribas do Sil.

A institución ten implantado un modelo de xestión dos centros público, con atención personalizada, que favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e que, ademais, ten un retorno económico importante na zona na que se implantan, pois crean emprego sostible no rural e dinamizan a economía local, contribuíndo deste xeito a fixar poboación. 

“Rexeitamos o modelo imperante de grandes residencias de 100 ou máis prazas instaladas nos grandes centros de poboación. Entendemos que esta atención masificada non se corresponde co que precisan os maiores, e obrigalos a cambiar o seu entorno de residencia para recibir atención é un erro”, subliñou Rivera Capón.

Ao remate da súa intervención lembrou o Deputado “o modelo de vangarda e de trato humano que aplicamos nos nosos centros de maiores”, sinalando “que facemos tecnoloxía para que axude ás persoas, para que lles facilite a vida, para que as poña en contacto ás unhas coas outras”.

Pablo Rivera tamén participou no acto de peche das xornadas, no que estivo acompañado por Miguel Ángel Vázquez, profesor da área de Psicobioloxía do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Universidade de Vigo, e Carlos Dosil, profesor da área de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

As xornadas, que se desenvolveron no Salón de Actos da Escola Politécnica de Enxeñería, contaron con expertos no mundo da xerontotecnoloxía abordando temas no ámbito por exemplo da robótica, a innovación ou o e-systems. A  xerontotecnoloxía refírese á aplicación da tecnoloxía no ámbito do avellentamento humano incluíndo a investigación de aspectos biolóxicos, psicolóxicos, sociais e médicos do avellentamento.

Tendo en conta que en Europa, nun cuarto de século, a poboación maior de 65 anos será entre un 23% e un 36% do total, este campo eríxese como un asunto de máxima importancia.