Skip to main content
Folgoso do Courel

Lola Castro volve conseguir maioría absoluta en Folgoso do Courel

Por 12 Xuño, 2023Xuño 13th, 2023Sin comentarios

A cabeza da lista do Partido Popular, Dolores Castro, renova o seu cargo como rexedora local por catro anos máis

O Concello de Folgoso do Courel reduciu en dous os escanos que se reparten entre as forzas políticas que se presentaron ás eleccións municipais do pasado 28M. Así, este ano repartíronse 7 escanos entre o PP, PSOE e Caurel Vivo, en vez dos nove que se dividiron nos pasados comicios de 2019.

Das 940 persoas censadas no Concello, 861 animáronse a votar e, destas, 465 elixiron a papeleta azul, dándolle 4 escanos aos populares de Lola Castro, que conseguiu a maioría absoluta coa que enfrontará unha nova lexislatura de catro anos.

Pola súa parte, os socialistas, liderados por Carmen Álvarez, conseguiron o apoio de 110 persoas, unha baixada que os fixo perder un escano con respecto a hai catro anos, cando tiñan 2 representados en 231 sufraxios.

A concelleira socialista quixo agradecer “aos veciños e veciñas que confiastes en min, aínda que non puido ser”. E afirmou, con esperanza, que “algún día cambiarán as cousas para mellor, estou convencida”, sentenciou.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • Dolores Castro Ochoa PP
  • José Antonio López Rodríguez PP
  • María Del Carmen Vergara Ramos PP
  • Filomena Vila Fernández PP
  • Óscar Carrete Lage IGV
  • Teo Chousa Arza IGV
  • Carmen Álvarez Álvarez PSOE

Por último, Caurel Vivo, encabezado por óscar Carrete Lage, volveu acadar os dous concelleiros cos que xa contaba desde o ano 2019 ao ter a confianza de 279 persoas que elixiron a súa papeleta nestes comicios. Así, foi o único partido político do Courel que medrou en apoios, que pasou de 189 no 2019 a 279 este ano.

Desde a formación, quixeron dar as grazas a “esa xente que nos deu o seu apoio e que confiaba en ter un concello máis transparente e traballador”. Ademais, presumen: “Gañamos 90 votos con respecto ás pasadas eleccións. Aínda que non foi suficiente para acabar con 14 anos de inmobilismo e desleixo”.

Con todo, defenderon que “desde a oposición seguiremos a traballar positivamente polo interese de todos e denunciando cando sexa preciso”.