Skip to main content
Folgoso do Courel

Máis de 1.000 especies foron observadas durante o IV Bioblitz do Courel

Por 12 Xuño, 2023Sin comentarios

Esta fin de semana tivo lugar a primeira das actividades organizadas pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel polo seu 25 aniversario, a VI Bioblitz do Courel, que empezou o sábado 10 e terminou o domingo 11 ao mediodía.

“As máis de 1.000 especies observadas durante as dúas xornadas nas que se desenvolveu o IV Bioblitz do Courel confirman a nosa Serra como un dos espazos con maior biodiversidade da Península”, explica o presidente, Marcos Reinoso. O IV Bioblitz Courel desenvolveuse na Estación Científica do Courel e estivo coordinada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Expertos de tódolos eidos da bioloxía inauguraron os quilómetros da biodiversidade, que se seguirán traballando ao longo do ano, co obxectivo de crear dúas pequenas rutas nas que se confirme que os distintos hábitats do Courel non só achegan riqueza natural e paisaxística, senón que tamén atraen turismo sostible. En concreto, estas dúas rutas van discorrer polas aldeas de Paderne e Miraz, no Concello de Folgoso do Courel.

Celebración dos 25 anos

Con motivo do 25 seu aniversario, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel deseñou o proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ integrado por 11 subproxectos a través dos que transmitir a visión dun Courel con vida, dun Courel con futuro.

Estes 11 subproxectos estrutúranse en oito actividades que teñen en común a valorización do territorio creando comunidade. Un deles foi a xornada desta fin de semana, á que seguirán outras moitas actividades e accións.

O obxectivo principal da asociación segue sendo o de contribuír a que Courel teña un futuro construído a partir dos seus valores humanos, ambientais e culturais.

O proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ conta para a súa realización cunha subvención de 39.315,70 euros a través da sinatura dun convenio coa área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.