Skip to main content
Folgoso do Courel

A IV Festa da Cantarela acollerá diversas actividades organizadas pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel

Por 18 Xuño, 2023Xuño 19th, 2023Sin comentarios

A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza para o 8 de xullo a IV Festa da Cantarela, que se vai desenvolver en Paderne do Courel e no que o obxectivo é exaltar o produto, o seu valor, a calidade e posibilidades gastronómicas e comerciais, pero tamén da riqueza e beleza dos espazos naturais da comarca na que se atopa este cogomelo.

Segundo explican desde a asociación, as cantarelas “representan un dos cogomelos de maior valor comercial e gastronómico pola súa calidade e amplas posibilidades en cociña”. Ademais, din que é “unha das especies máis representativas e frecuentes da biodiversidade fúnxica asociada os soutos de castiñeiro, representando un potencial recurso e aproveitamento engadido a estes espazos emblemáticos de gran valor ecolóxico, cultural e económico na comarca de Courel e outros territorios de montaña”.

Así, con esta celebración, a Asociación pretende poñer en valor e dar a coñecer un recurso e aproveitamento asociado ao territorio, as súas características e múltiples posibilidades, así como promocionar, a través dun acto festivo e turístico, o coñecemento da comarca e os seus valores naturais e culturais.

Ademais, esta actividade encádrase dentro do 25 aniversario da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel, que deseñou o proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ integrado por 11 subproxectos a través dos que transmitir a visión dun Courel con vida, dun Courel con futuro, que xa celebrou o 10 de xuño a súa primeira iniciativa, o Bioblitz Courel.

Programa da festa

O programa dará comezo o sábado ás 10.30 horas cunha ruta guiada por itinerarios naturais da contorna por membros da Sociedade Micolóxica Lucus e partirá do centro de Paderne (Aira do Quintairo). Ás 13.00 horas terá lugar a inauguración da festa e media hora máis tarde está prevista unha degustación popular de tapas elaboradas con cantarelas nas casas rurais do lugar e coa colaboración do chef Héctor López do restaurante España de Lugo.

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, haberá unha representación de instrumentos de música de raíz con Xavier Blanco, da Fundación Legar, para a preservación da música de raíz. E ás 17,00 horas farase un paseo ata a alvariza rehabilitada do Val Maior.