Skip to main content
Monforte

‘Os camiños do neno labrego’, de Simone Saibene, foi presentada e proxectada en Monforte

Por 14 Xuño, 2023Xuño 15th, 2023Sin comentarios

O director e produtor italiano de filmes en galego, Simone Saibene, de Noveolas Producciones, visitou o alumnado de 4º ESO do IES A Pinguela para presentar a súa mediometraxe ‘Os Camiños do Neno Labrego’, no marco do programa Educa Audiovisual.

O contido da obra, que foi proxectada na aula, percorre as contornas vitais de Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) nun primeiro período ata os 21 anos, como á volta da emigración arxentina e cubana coa súa compañeira Anisia Miranda; desde a casa do Romano natal ata as paisaxes dos nenos dos seus libros, que eran tamén os seus: As Insuas, a casa nova, a ponte románica, o Resío, casa do Castelo, cemiterio, a escola, a serreira de Pardo…

Ademais, as paisaxes de Pepe Neira son tamén as de Balbino, o protagonista de “Memorias dun Neno Labrego”, o libro con mais edicións da literatura galega, con máis de 700.000 copias en multitude de idiomas de todo o mundo, o que o fai ser o gran best seller en idioma galego.

Ao remate da proxección, o alumnado puido intercambiar opinións co director e con Olga Novo, súa profesora de Galego, sobre o autor e a Fundación Neira Vilas.