Skip to main content
Monforte

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu a entrega de premios aos adegueiros gañadores da Cata Patrimonio 2023

Por 19 Xuño, 2023Xuño 20th, 2023Sin comentarios

Os gañadores dos premios da Cata Patrimonio 2023, que tivo lugar o pasado 3 de xuño, recibiron os seus recoñecementos esta fin de semana da man do alcalde, José Tomé Roca, no Centro do Viño da Ribeira Sacra.

O rexedor monfortino resaltou o valor do traballo dos adegueiros da Ribeira Sacra, recoñecéndoos como “os auténticos artífices que fan que hoxe os viños desta denominación teñan o recoñecemento e o éxito que teñen”.

A mecánica deste evento, no que colaborou o Concello de Monforte, consistiu nunha cata a cegas, onde un xurado conformado por enólogos de bodegas da zona, membros da Asociación Galega de Enólogos e prensa especializada degustaron distintas elaboracións dos viños presentados. Na cata participaron 52 adegas desta denominación de orixe, que supón máis do 90% das adegas da zona.

O alcalde subliñou que, gracias a eventos como este, cúmprense un dobre obxectivo, “promover a Ribeira Sacra e impulsar o traballo e o esforzo das adegas pertencentes a ela, así como a posta en valor da calidade dos nosos viños”. Por iso, José Tomé agradeceu aos organizadores e participantes a recuperación desta Cata Patrimonio e animounos a seguir adiante con iniciativas deste tipo.

Festival do Viño da Ribeira Sacra

Finalmente, antes da entrega dos premios ás adegas gañadoras, o alcalde tamén anunciou que o Concello xa está a traballar intensamente na organización dunha nova edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se celebrará en Monforte os días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo, subliñando que o Festival constitúe unha forma moi importante tamén de impulsar a industria vitivinícola da zona da Ribeira Sacra, así como a hostalería e o comercio.

O rexedor anunciou o importante impulso que se lle deu a esta 5ª edición do Festival, que conta con mais actuacións que ningunha edición anterior, con actividades variadas para pequenos e adultos e coa participación de 30 adegas, que constitúe unha cantidade superior ao resto dos anos, superando en tres adegas o número da última edición de 2022.

Para finalizar, José Tomé quixo recalcar que o esforzo que se está a facer para aumentar e mellorar a programación do Festival con respecto a edicións anteriores, vese reflexado no orzamento que se destina para este evento, e que este ano suporá a importante cantidade de mais de 150.000 euros, un orzamento importantísimo que se verá reflexado no desenrolo do Festival do Viño.

Xa por último, o rexedor agradeceu aos adegueiros que van a participar no Festival a súa presenza no mesmo, e aos adegueiros premiados o seu bo facer e traballo diario para mellorar os seus viños, que tal e como afirmou José Tomé, son en gran medida, os responsables de que a Ribeira Sacra se coñeza a nivel internacional mais que nunca.