Skip to main content
A Pobra do Brollón

A II Convivencia Poética desenvolverase no Furancho O Currio xunto co obradoiro Brindos Guímaros este sábado

Por 1 Xuño, 2023Sin comentarios

Desde o Furancho O Currio en Trasmonte, parroquia de Vilachá de Salvadur da Pobra do Brollón, organizan a II Convivencia Poética, na que varias poetas galegas pasarán a fin de semana na aldea convivindo, visitando a zona e creando. As poetas participantes nesta edición son Nuria Vil e Lucía Aldao, mais Noa Moreira que exercerá de anfitrioa como poeta local.

A convivencia desembocará o domingo 4 nun vermú artístico aberto ao público que comezará a partir das 13.00 horas e haberá recitais das poetas e micro aberto. Tamén participarán no vermú as artistas plásticas Mushu e A Flaira, que farán unha intervención chamada ‘Peras ao viño: Sobremesa artística’, na que pintarán en directo durante o evento.

Ademais, neste furancho é onde terá lugar a actividade ‘Guimaralia: Acción Cultural’ coa cuarta edición de brindos guímaros organizados dende o Concello da Pobra do Brollón, con financiación da Unión Europea-NextGenerationEU a través da subvención Territorio Cultura.

Desta volta, as integrantes de Erre que Erre desprazaranse ao Furancho O Currio en Trasmonte, parroquia de Vilachá de Salvadur. ‘En anteriores obradoiros, traballamos a rima e a métrica. Agora progresivamente iremos facendo máis fincapé nos contidos,’ comentan dende o colectivo de improvisación oral.

A actividade cultural guímara continuará a fin de semana seguinte coas Festas do Corpus na capitalidade municipal e concerto de Davide Salvado o sábado 10 de xuño.