Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón seguirá sendo un municipio nacionalista

Por 13 Xuño, 2023Xuño 14th, 2023Sin comentarios

Xosé Lois Maceda afronta a súa quinta lexislatura despois de conseguir de novo unha maioría absoluta nas eleccións municipais

No Concello da Pobra do Brollón, a veciñanza elixiu outros catro anos de políticas nacionalistas encabezadas por Xosé Lois Maceda, un alcalde que leva dirixindo o municipio desde o 2007 e afrontará este ano, e con 6 concelleiros como o ano anterior, novos programas culturais, económicos e sociais.

Das 1.417 persoas censadas no Concello, 1.146 votaron e, desas, 578 optaron polo BNG, un 4 % máis de votos que nos comicios anteriores, polo que desde a agrupación gañadora, quixeron expresar “o noso enorme agradecemento pola confianza e o apoio amosados por parte da veciñanza na candidatura do BNG, encabezada por Xosé Lois Maceda.

Con respecto ao Partido Popular, encabezado por Teddy López, 281 veciños apostaron pola súa candidatura, case 100 máis que hai catro anos, cando obtiveron 188 sufraxios e lles supuxo un escano. Por isto, a agrupación azul acadou dous escanos, o que lles supón formar parte do goberno local con dous concelleiros.

Desta maneira, dende a candidatura do PP da Pobra do Brollón quixeron agradecer a todos os veciños “a súa participación nas eleccións municipais e tamén agradecerlles a confianza depositada en nós, e aínda que os resultados non fosen os desexados gustaríanos destacar que dende a oposición faremos un traballo digno e da altura de todos os veciños que representamos”, sostiveron.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • José Luis Maceda Vilariño BNG
  • Manuel González Moreira BNG
  • Ricardo Rodicio González BNG
  • Josefa Rodríguez Rodríguez BNG
  • Óscar Rivera López BNG
  • Teddy López Pedredo PP
  • Roberto José Andrade Míguez PP
  • Adolfo Rubio Pascual PSOE
  • Javier Quiroga Castro PSOE

Por último, o proxecto do PSOE da Pobra do Brollón, encabezado por Adolfo Rubio, foi o que menos convenceu á sociedade guímara, que obtivo 252 votos, perdendo así a un concelleiro con respecto á lexislatura pasada.

Desde a agrupación socialista quixeron felicitar ao BNG e á candidatura do PP polos resultados obtidos e tamén agradecer a todos os veciños “que depositaron a súa confianza no Partido Socialista e no seu equipo”. Porén, recoñecen que “non obtivemos o resultado que esperabamos”.

Por outra parte, remarcan que “aínda que a participación foi moi elevada, queremos facer constar que 300 veciños non acudiron a exercer o seu dereito e, nun concello pequeno con este, isto é de vital importancia”, defenderon.

Por último, explicaron que “comeza unha nova etapa desde a oposición para traballar por defender un futuro mellor para A Pobra do Brollón, o Concello onde vivimos”, argumentaron.