Skip to main content
Sober

Sober mantén os resultados dos anteriores comicios

Por 7 Xuño, 2023Xuño 8th, 2023Sin comentarios

Luis Fernández Guitián repite como alcalde de Sober por cuarta vez despois de conseguir, de novo, a maioría absoluta nas eleccións

Os resultados das eleccións municipais do pasado 28 de maio deixaron uns resultados practicamente iguais ca os do ano 2019, coa mesma representatividade de concelleiros para as tres forzas políticas que se presentaron: PP, PSOE e Agroma Sober – Interior Galego Vivo.

Desta maneira, das 1.927 persoas censadas no Concello, 1.439 foron a votar, o que supón un 74,67 % da participación. Destas, 965 votaron aos populares, polo que o apoio, a pesar de conseguir 8 concelleiros e maioría absoluta, diminuíu, xa que no 2019 foron 1.093 as persoas que votaron a Luis Fernández Guitián.

Pola súa parte, o PSOE de Eladio Fernández, que xa se presentara como cabeza de lista no ano 2019, conseguiu un concelleiro, como nos anteriores comicios, a través dos 160 votos que lle depositaron os veciños e veciñas de Sober, unha baixada notable con respecto aos 220 votos que obtiveran hai catro anos.

Por último, Agroma Sober – Interior Galego Vivo, encabezado por Paula Vázquez, foi a única forza política que aumentou o seu apoio ao conseguir 296 votos. Así, manteñen os seus dous concelleiros para seguir á fronte da oposición. Desde o partido quixeron agradecer ás 296 persoas “que escollestes Agroma Sober. Subimos en porcentaxe e é o noso mellor resultado, pero mantemos os 2 escanos”.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • Luis Fernandez Guitián PP
  • Sonia Fernandez Martínez PP
  • Francisco Vázquez Pérez PP
  • Carmen Pérez Pérez PP
  • Raquel Arias Rodríguez PP
  • Abel López Fernández PP
  • Jose Quevedo Pérez PP
  • Ivan Armesto Fernández PP
  • Eladio Fernández Pérez PSOE
  • Paula Vázquez Verao IGV
  • Diego Xesús López González IGV