Skip to main content
Sober

Tres persoas poderán optar ás Bolsas Culturais Internacionais ‘Pintor de Castinandi’ do Concello de Sober

Por 27 Xuño, 2023Xuño 28th, 2023Sin comentarios

O Concello de Sober convoca tres Bolsas Culturais Internacionais ‘Pintor de Castinandi’ para o verán 2023 para asistir de maneira gratuíta a un dos tres talleres de verán que organiza o proxecto cultural ‘La Plantación’ en cada disciplina.

O taller de fotografía celebrarase do 9 ao 14 de xullo co recoñecido fotógrafo Alberto García-Alix, mentres que o de pensamento celebrarase do 23 ao 28 de xullo co escritor, músico e poeta Ramón Andrés. Con respecto ao de cinema, este celebrarase do 30 de xullo ao 4 de agosto co cineasta Pedro Costa. Os tres levaranse a cabo na localidade de Rosense, na Casa Grande, en Sober.

O obxectivo por parte do Concello de Sober é impulsar o crecemento cultural a nivel internacional, fomentar o estudo e facilitar o desenvolvemento persoal das tres persoas que consigan a bolsa para acudir a estes tres talleres

Bolsas ‘Pintor de Castinandi’

Son formacións culturais internacionais, destinadas a persoas de ata 40 anos, cun valor de 795 euros, que organiza ‘A Plantación. Encontros e Coñecemento’, un proxecto cultural feito desde Galicia, onde se cultivan e comparten experiencias arredor de distintas artes.

O método de traballo consiste en propoñer encontros abertos entre un autor e calquera persoa que estea interesada (profesional e non profesional) co obxectivo de reflexionar sobre proxectos e intereses creativos.

Mediante esta convocatoria, o Concello de Sober busca a tres persoas con inquietudes artísticas e culturais e coa necesidade de seguir formándose, polo que deberán enviar unha mostra do seu traballo persoal (dossier), relacionado coa especialidade en que soliciten a bolsa.