Skip to main content
Cultura SARRIAXASamos

Chus López, primeira alcaldesa nacionalista de Samos: “O noso obxectivo é escoitar os veciños e traballar por un Samos mellor”

Por 24 Xuño, 2023Xuño 25th, 2023Sin comentarios

Falamos con María Xesús López, nova alcaldesa do Concello de Samos e candidata nas eleccións municipais polo BNG, un cambio notable no paradigma político deste municipio

Un novo goberno en Samos, era necesario este cambio para a cidadanía?

Era algo moi necesario e un cambio que a veciñanza acolleu moi positivamente. Era moi necesario porque ata agora, o goberno existente non estaba aproveitando todas as oportunidades que se lle presentaban ao Concello, como son as numerosas subvencións que non se solicitaron. Por exemplo, a subvención para ter o campamento de verán para os nenos e nenas de Samos, que simplemente tiña que firmar a solicitude Julio Gallego dentro do prazo, sen necesidade de pasar pola Xunta de Goberno, e non o fixo. E, desgraciadamente, non é a única que se perdeu debido a pésima xestión de Gallego.

Ser alcaldesa é unha responsabilidade, como afronta este reto?

Afronto esta responsabilidade con determinación, convencemento e con ganas de traballar polo noso concello para sacarlle todo o seu potencial e que a veciñanza estea orgullosa do seu concello e contenta coa xestión.

A primeira muller alcaldesa de Samos, como se sente?

Moi contenta, é un avance máis na igualdade, e Samos non se podía quedar atrás. Pero isto foi posible grazas ao gran equipo que temos no BNG de Samos, ao gran traballo de estes últimos anos e da lista que presentamos a estas eleccións, que estaba chea de boa aptitude, preparación e gran capacidade de traballo, que se demostrou en campaña, e que así vai seguir sendo dende o goberno.

Como de importante é para o BNG conseguir a alcaldía dun municipio como o é Samos? E para vostede persoalmente?

Para o BNG é un logro moi importante, xa que é a primeira Alcaldía do BNG na comarca, e persoalmente tamén, pois eramos conscientes de que era un reto moi difícil. Viñamos de non ter representación no Concello, hai catro anos conseguimos que entrara eu como concelleira e hoxe logramos ter tres concelleiros e estar no goberno do concello, na Alcaldía, así que é un logro incrible.

Que propostas inmediatas ten para o municipio? Cales son os principais proxectos que levará a cabo?

Temos varios temas urxentes, dende resolver deficiencias nas vivendas comunitarias, que require a inspección de sanidade que nos atopamos ao chegar; como proxectos, que nolos pedira a veciñanza en numerosas ocasións, que é recuperar as festividades do verán, como o caso do San Benito, para o que queda menos de un mes, e intentaremos tamén que se volva a facer a feira de artesanía.

Estamos, ademais, coa posta a punto da piscina e intentaremos ir arranxando as pistas máis urxentes e que levan moito tempo nun estado moi deficiente, ademais de ir tratando de levar a cabo o que detallabamos no programa.

E a longo prazo?

A longo prazo, temos o obxectivo de conseguir a dinamización de Samos, apoiando o comercio local, a promoción turística, etc, o eido social, imos colaborar co colexio e coa anpa, queremos crear un centro social e fomentar as actividades culturais e o deporte.

Tamén temos a intención de ir cos tempos no referente á cobertura telefónica e de Internet, ademais de actualizar e mellorar a web do concello. E todo isto sen esquecer a mellora dos servizos, como é o subministro de auga, o estado das pistas, etc.

Como describiría Samos e as súas xentes?

Samos é un concello incrible e do que queda moito por descubrir. Ademais de estar no Camiño de Santiago e ter un Mosteiro impresionante, posúe moitos outros atractivos que debemos compartir e promocionar. E no referente ás súas xentes, a veciñanza é acolledora, amable, colaboradora, integradora… é como unha gran familia.

Xa ten pensada a estrutura de goberno?

Si, témolo mais ou menos estruturado, pero temos claro que vai ser un goberno de consenso e colaboración; aínda fixemos unha estrutura, traballaremos todos xuntos, pois o noso obxectivo é común: escoitar os veciños e traballar por un Samos mellor.

Cre que a oposición llo poñerá fácil? Falamos de que Miguel Gallego, candidato do Partido Popular, quedou preto da maioría absoluta.

Eu espero que fagan unha oposición construtiva e dende o respecto, pois todos somos veciños e deberiamos movernos por mellorar o noso concello.

Que se fará polas parroquias de Samos?

A nosa idea é reunirnos con cada parroquia para poder saber de primeira man que é o que precisan os veciños e poder facer, así, unha mellor xestión e máis adecuada ás necesidades de cada pobo.

No seu mandato fomentarase máis a comunicación institucional?

Totalmente, cremos que é básico o tema da comunicación, tanto cos medios como nas redes. Ademais da importancia que nos merece que a veciñanza estea informada do que se fai ou acontece no seu concello, tamén sabemos o importante que é a promoción, a publicidade e o dar a coñecer o noso concello, e niso tampouco nos podemos quedar atrás.