Skip to main content
Publirreportaje SARRIAXASarria

Manuel e José Ramón Rodríguez, de Mármoles Vilaro: “Traballamos con todo tipo de materiais e de pedras”

Por 11 Xuño, 2023Xuño 12th, 2023Sin comentarios

Falamos con Manuel e José Ramón Rodríguez, socios e propietarios da empresa Mármoles Vilaro

Como xurdiu a idea de implantar unha empresa de mármore e granito en Sarria? 

Por cambiar, por aprender algo. Eu traballaba noutra empresa e decidimos montar esta empresa nós, porque era o que sabiamos facer nese momento e ademais había demanda e sacamos moito traballo naquela época do ano 2000, xa que se estaba comezando a construír moitísimo.

Comezamos facendo mesados de cociña e despois fomos cambiando e engadindo outros elementos para construír. Sobre o 2003 foi cando introducimos o traballo cos bloques enteiros, cos que elaboramos as pezas.

Así, foi cambiando o mercado e nós adaptámonos a el. Por iso, comezamos a facer muros, fontes, cercados… todo tipo de elementos de pedra grosa de canteira.

Que servizos ofrecen actualmente?

Na actualidade seguimos facendo muros, fontes e agora mesmo o máis forte é o mesado en pedra artificial e natural. Como sempre pasa, hai cousas que volven poñerse de moda e o mesado é unha delas, xa que cando comezamos había moita demanda, logo baixou un pouco e agora volve estar en auxe.

Onde ofrecen estes servizos?

Traballamos en toda a comarca de Sarria, pero tamén en Lugo, onde estamos todos os días, pero tamén no resto da provincia. Por outra banda, ás veces tamén temos pedidos doutras partes de España, como Madrid, pero cousas moi puntuais.

Con que tipo de mármore traballan?

Traballamos con todo tipo de mármore e material, desde pedra natural, calacatta, granito, porcelánico, silestone, cuarzo…

Nós facemos o que nos pida a xente e disto hai moito no mercado, polo que non temos problema en traballar cun material ou con outro.

En que espazos constrúen os diferentes elementos?

Facemos construcións en casas particulares, en tendas de decoración, en restaurantes… en todo tipo de espazos, tanto comerciais como privados. O último que se fixo foi unha mesa en calacatta natural que se levou para a praza das Ventas de Madrid.

Cal é o prezo destes obxectos?

O prezo das pezas varía moito segundo o material, o peso, a lonxitude, os decorados… Traballamos con materiais exclusivos e caros e con xente moi caprichosa que tamén é moi esixente, polo que pode gastar moito diñeiro.

Poderíase dicir que os nosos clientes son xente exclusiva, aínda que tamén temos clientes humildes que confían en nós para facer obras de menos presuposto.

Canto tempo pode levar construír unha destas pezas?

Coa maquinaria que temos, que é moi moderna e ten controlados todos os procesos, unha peza como un mesado grande podería elaborar nun día.

Temos todo automatizado, polo que nós imos á obra a medir e metemos os datos, as medidas e todo o necesario para a súa construción, e a máquina faino nun día. Logo, nós facemos a man todos os remates naturais e tallamos se fai falla nun decorado especial.

Tamén deseñan as pezas?

Depende. Hai persoas que contratan a un deseñador para que constrúa visualmente como queren que quede a peza que nos encargan e nós seguimos o que nos di ou a persoa vén directamente a xunto nosa, coméntanos a idea que ten e nós deseñámolo seguindo as súas directrices.

Entre os seis traballadores que somos; cortadores, pulidores, rematadores e colocadores facémolo todo nós e adaptámonos ao que queira gastar o cliente.

Poden contarnos algunha construción dalgunha peza nalgún sitio recoñecido?

Temos feito moitas pezas para prazas públicas de concellos, como de Sarria, o de Láncara, o de Barco de Valdeorras… Neste último, en concreto, fixemos unhas letras enormes que poñen “O Barco” que se colocaron nunha glorieta.

Teñen en mente algún proxecto especial para o futuro?

Non, imos seguir co tema do mesado porque é o que mais demanda a xente e ademais porque xa temos todos os materiais para facer calquera tipo de mesado e de calquera color.

Centrarémonos no noso traballo na provincia, que é onde temos os nosos clientes, aos que lles queremos dar un bo servizo e un bo trato, xa que iso é o máis importante nunha empresa. Ao final, cando un cliente está reformando a súa cociña pode quedar sen ela durante un mes, polo que tes que tratar de facer o mesado e os demais elementos que che requiran no menor tempo posible para que a xente estea a gusto.