Skip to main content
Sarria

Meigas e Trasgos xa prepara a súa Noite Meiga, que se celebrará os vindeiros 25, 26 e 27 de agosto

Por 7 Xuño, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

Volve a Noite Meiga a Sarria organizada pola Asociación Meigas e Trasgos aos últimos días de agosto cun programa de actividades semellantes a edicións anteriores, con tres días de actividades, e non como no ano 2022, que foi “un ano excepcional por celebrar o 50 aniversario”, explican desde o colectivo.

Así, durante os días 25, 26 e 27 de agosto haberá diferentes actividades relacionadas co lume, coa música, co baile e coa cultura galega transmitida a través da asociación, que fai actividades deste tipo todo o ano, pero durante estes días transmíteo á sociedade da vila sarriá.

Desde a Asociación dan unhas pinceladas do que será o programa, aínda que quedan cousas por confirmar, que comezará o 25 de agosto cunha andaina con fachas, que sairán desde o malecón e chegarán ao Parque do Chanto coa novidade de que este ano os nenos tamén poderán levar facha. Despois da andaina e o pasarrúas, rematará o día coa actuación do grupo Luar na Lubre.

Xa o día 26, a previsión é que haxa un pasarrúas pola tarde, que sairá desde o Cruce Cuatro Caminos e que chegará ata o Parque do Chanto para dar lugar, ao final da tarde, ao pregón e as actuacións de todos os grupos que conforman Meigas e Trasgos. Despois, terá lugar a cea de Meigas e Trasgos e, despois dela, a Danza da Noite Meiga, que rematará coa actuación do grupo musical LoubBand.

Por último, o domingo 27 comezará xa ao mediodía coa celebración do Día da Empanada, que virá acompañada dunha comida pública e a sesión vermú. Por último, durante a tarde terá lugar a Tardiña Meiga, na que os máis pequenos poderán desfrutar de actuacións específicas para eles.